Site icon Crónica3.com A Mariña

Azucena González acusa ó concelleiro de Economía de Ribadeo de “ofrecer escusas e peregrinas xustificacións pretendendo defender a ineficiente xestión do goberno do BNG”

O primeiro desacordo co Sr. Castro está nos termos que utiliza para definir o saldo positivo de 874.000 € como “aforro”. Fraco favor lle fai á consideración da súa actuación denominando así a tal cantidade de diñeiro que ingresaron e non investiron. Sen entrar en termos técnicos, a cuestión é tan sinxela como comparar o Concello con unha simple familia ou unha empresa (que non deixa de selo). Todos podemos entender que non dilapidar nin malgastar o diñeiro é unha obriga para todos, e máis aínda para quen manexa os cartos públicos e moito máis en tempos de crise, pero tamén é certo que nos momentos de imperiosas dificultades económicas para as administracións e para moitos veciños non se xustifica que por ter diñeiro “na caixa” non se presten os debidos servizos ou non se axude a quen o precisa; é como vivir pasando fame e miseria e ter os cartos debaixo do colchón.

É ben certo que a situación económica mellorou nos últimos anos no tocante ao saldo que arroxan as contas municipais pero, sen querer desmerecer a súa xestión (que de seguro tiña ese propósito), deberían recoñecer que hai diversos factores externos e tamén internos pero alleos ao seu goberno que contribuíron en boa medida a este cambio positivo. Por un lado, o préstamo do goberno central de máis de 1.500.000 Euros para pago a provedores que, por unha parte lles deu liquidez para que puideran poñer ao día as súas débedas coas empresas e, por outro, lles obrigou a elaborar e cumprir un estrito plan de xestión que se revisa trimestralmente e non lles permite facer dispendios. Por outra banda, é vital nestes últimos tempos a labor de fiscalización que se está a facer por parte da Intervención municipal que repara con minuciosidade tódolos movementos económicos que non se axustan aos parámetros fixados. Coido que con todo isto abondaría para que a situación de aberrantes saldos negativos que se deron en outras épocas (algunhas sendo vostedes mesmos socios de goberno) non se repetiran.

Precisamente por todo o anterior a labor do goberno debe ser o axuste nas contas, o equilibrio económico de ingresos e gastos, investir do mellor xeito o que se recada coa prudencia que debe ser propia dos xestores públicos e que recomenda un saldo positivo aceptable que lles permita un certo marxe de manobra. A boa situación económica debera redundar nunha mellor e máis eficiente prestación dos servizos públicos e en inversións que a medio e longo prazo melloren a calidade de vida dos ribadenses. O que os cidadáns lle pedimos ao goberno é que analice as necesidades dos veciños e as atenda, que se plantexen obxectivos, prioridades,…que sexan proactivos e non pasivos; a eficiente xestión é facer máis con menos, ofrecer servizos de calidade coa menor carga impositiva posible para os ribadenses,…

Coma sempre recorre tamén ao seu victimismo característico aludindo á falta de liquidez por culpa das outras administracións, pero non todas pagan igual de mal. Reitérolle os números (non meus, da liquidación do orzamento), a 31 de decembro a Xunta de Galicia en transferencias correntes e de capital debíalle 124.500 € dos 1.347.864,5 comprometidos e a Deputación Provincial dos 270.181 debíanlles 250.656 €. Deberá, polo tanto, facer xestións tamén en Lugo para que os pagos do ente provincial se fagan con maior regularidade e esquecer, por esta vez, a súa obsesiva cantinela contra a Xunta.

A parte positiva da resposta do Sr. Castro é que imos en bo camiño: comezaron por presumir do saldo positivo de 874.000 € antes do pleno, agora xa tentan xustificar a situación (sen conseguilo, ao meu entender) dando escusas, quizais o paso seguinte sexa recoñecer que están tan limitados para non gastar de mais e hai que xustificar de tal xeito o que se gasta que é máis cómodo non facer nada.

Azucena González Loredo
Concelleiro do GMPP de Ribadeo.

Exit mobile version