As feiras das San Lucas conservan, en boa medida, o feitizo dos vellos feirais e seguen a ser ocasión para mercar os mellores productos naturais e artesáns da bisbarra; as noces, as castañas e o mel; a cerámica, as pezas de buxo e os cestos de vimbio ou os mais insospeitados artiluxios de antiga usanza, que fan das San Lucas un singular certame comercial, no que prevalecen valores xa case esquencidos e sobre todo, como escribiu Cunqueiro “os potros bravos, os fillos do vento, as greas peludas e asustadizas que para acudir ó feiral patean as pedras da calzada romana”..Mondoñedo conserva o engado da súa personalidade diferenciada.Cada outono mariñán ten o mais importante evento festeiro, comercial e social nas seculares As San Lucas, efeméride para o encontro obrigado das xentes que se espallan por unha comarca que ten como centro xeográfico a torre da catedral da Asunción, e que acuden á chamada da histórica campá coñecida por A Paula.Como confirmación da antigüedade das feiras, digamos que éstas, as San Lucas, son 55 anos mais vellas que a catedral de Santiago. Non falte á cita, lector amigo.
Suso Fernández