Con este nome son coñecidas as feiras de gando mular e cabalar que se celebran en Mondoñedo no mes de Outubro. Anos atrás duraban desde o 18 o 20, hoxe en día só abarcan o 18 que é o día que se concentra todo o gando.
A primeira noticia que atopamos de feiras e mercados na nosa cidade e a dun privilexio concedido polo rei Afonso VII, en 1156 a “Villamayor”, para poder ter un mercado anual e oitos días de feiras por Santa María de Agosto. Era este “Villamayor”, o lugar que por aquel entón ocupaba a Catedral Mindoniense. A tradición polo contrario dinos que a orixe das feiras das San Lucas data do ano da consagración da Catedral polo bispo D. Martín.
Pero a primeira vez que aparecen nomeadas “As San Lucas” foi nun documento do 30 de Nadal de 1536, cando a Xustiza e o Rexemento puxo “por condición que la persona en quien rematase la Alcabala de fuera no pudise llevar el día de San Lucas, desde entonces en delante de bueis, bacas, bestias, calderas, ni paños más de cada treinta maravedis uno”.
Na sesión do Concello do 15 de Outubro de 1588, vendo que a alcabala de ditas feiras non estaba arrendada, autorizouse o Procurador Xeneral para que “hiciese sus diligencias y cobrase de veinte uno conforme a la costumbre”.
Polas feiras de San Lucas de 1665 o día 18 tivo lugar na nosa cidade a Proclamación do Rei Carlos II. Esta cerimonia verificouse desta forma. A Xustiza e Rexemento, montada a cabalo foi busca-lo pendón da cidade que se colocara o lado do altar maior da ermida dos Remedios. De regreso a praza da Catedral nunha plataforma adornada con tapices e alfombras e na cal se lucían dous grandes escudos coas armas reais e as da cidade, tivo lugar a proclamación.
Posto o Concello na plataforma o Sr. D. Gregorio Viveiro Navia e Villaamil como rexedor máis antigo proclamou o Rei, pronunciando o seguinte discurso:
“La Muy Noble Insigne Ciudad de Mondoñedo, siempre leal a su Rey como todas las de este Reino, con este célebre aparato prosiguiendo sus honrosas hazañas en servirle. Hoy reconoce confíese por su lexmo. Rey a Don Carlos segundo Nr. Señor que en maiores competencias del quinto dilatando la Cristiandad Cathólica será asombro del orbe y descanso de sus Reinos y así como empresario cierto de nras. felicidades digamos que Galicia por D. Carlos seg. Nro. Sor. en todo prospero por dilatados y felices años vivas.”
O 15 de Abril de 1669 varios pobos da provincia de Mondoñedo solicitaron que se declarasen libres de impostos o pan, trigo, capós, encerros, manteiga, froita, aves, ovos, pratos, escudillas, coles e linaza que se vendían nos mercados dos xoves da nosa cidade como xa o foron noutro tempo según así constaba nas ordenanzas antigas.
Ó mesmo tempo mandábase cobrar os impostos pertinentes os lenzos, “ganados de cuatro píes, pescado de mar y no de río, estopas y saial y más coas que binieran de otro reino o sobremar o fuesen pertenecientes a los gremios de la Ciuda”.
Todas estas obrigacións e mandatos habíanse de cumprir igualmente nas feiras das Quendas, Corpus Cristi e San Lucas.
Un mes máis tarde quedaron tamén exentas de impostos todas a vez que rentaban menos do que custaban a súa administración, os lenzos que se vendesen nas feiras e mercados do pobo excepto os tres días das San Lucas.
As feiras desta época duraban dende o día 18 ata o primeiro de Novembro aínda que os tres primeiros días eran os verdadeiros da feira. No século XVIII estaba as feiras en todo o seu apoxeo e grandeza. A elas concorren gandeiros de toda Galiza, Asturias, Cantabria, Castela e León, entre outros sitios.
Os principais produtos que se vendían ou trocaban eran gandos de todas as clases, trigo, millo, sedas, praterías, quincalla, lenzos e panos. Sendo as transaccións moi lucrativas.
Vendo que o mes de outubro o tempo non sempre era tan bo como se desexaría levando consigo a merma de xente o Licenciado D. Xosé Xoaquín Villares e Ron, avogado da Real Audiencia e Procurador xeneral substituto do noso concello, acudiu o mesmo en 28 de Marzo de 1757, suplicando se solicitase do Rei permiso para trasladar as feiras de As San Lucas o mes de Agosto comezando as mesmas polo día 15 no cal se celebraba a festa da Nosa Señora patroa da Catedral e a feira e que entón se reducía o propio día 15 sendo aínda así moi pequena. Acudiuse o Rei, pero o informe dado polo Intendente do Reino fixo que fose denegada a petición, mais volveuse novamente coa mesma para o cal se deu poder o Sr. Manuel Olano Villanueva de Madrid. Despois de vencer varios obstáculos e dificultades obtívose a Real Cédula. Esta foi dada en Villaviciosa o 25 de Marzo de 1759. Os gastos ocasionados na obtención ascenderon a 572 reais e 20 marabedís, dando o Sr. Alonso propia de 300 reais polas súas xestións.
Pero como non deu resultado o cambio de datas obtívose outra Real Orden, dada no “Buen Retiro” a 23 de marzo de 1763 para que as feiras de San Lucas volvesen as datas antigas.
En 1829 prohibiuse a celebración de feiras e mercados en todo o reino de Galiza durante os días festivos, pero por R. O. de 3 de Maio de 1833 volveuse a costume antiga exceptuando os días de Corpus, xoves e venres santos.
En 1855 por R. O. do 28 de Nadal foron cedidos polo estado o terreo do Campo dos Paxariños, que pertencera o Cabido, para a celebración nel das feiras.
Houbo concursos de gandos en 1887-1889 e 1892.
A festas e feiras do ano 1895 foron moi importantes en gran medida o certame literario celebrado. Foron por iniciativa do avogado e xornalista Emilio Tapia Rivas. Duraron desde o día 17 o 21 de Outubro e entre os númerosos actos caben destacar os seguintes: O 17 tivo lugar a primeira exposición de Gandos que se celebrou en Mondoñedo para o cal tanto ta deputación coma o Ministro de fomento concederan 500 pesetas cada un.
O día 19 celebrouse na Catedral a festa relixiosa, que conmemora a consagración da Catedral. A hora tercía foi cantada con toda solemnidade, acompañada dos dous órganos. Rematada esta, saíu a procesión presidida polo Sr. Bispo D. Manuel Fernández de Castro que percorreu as naves da Catedral. Ese mesmo día distribuíronse 1.000 bonos de pan a metade dos cales foron dados polo Prelado e a outra metade polo Orfeón e a Rondalla.
As nove da noite no salón teatro do Casino tivo lugar un brillante concerto a cargo da banda Luzón e o Orfeón Pacheco e a Rondalla.
O día 21 inaugurouse a fonte do Campo dos Remedios. Foi obra de D. Ramón Martínez Insua e foi feita en Mármore de Sasdonigas e estaba coroada polo busto mármore que representaba o bispo Sarmiento. Este mesmo día no Salón do Casino tivo lugar o primeiro Certame Literario presidido por D. Manuel Murguía.
AS SAN LUCAS NO SÉCULO XX.
Houbo concurso de gando en 1907, 1915, 1948, 1951 e 1952.
No concurso de 1908 a lista de premios ascende a 2.000 pesetas. Ademais ese ano o día 17 a noite no Salón-Teatro del Casino inaugurouse o Gran Cinematógrafo Espinar. Os días 18, 19 e 20 tiveron lugar unhas sesións pirotécnicas.
Nas San Lucas de 1941 presentouse o gando seguinte: 900 eguas, 250 mulas, 100 cabalos, 600 potros bravos, 250 pollinos, o que supuxo un total de 2.100 cabezas. O prezo total das transaccións foi de 2.000.000 millóns de pesetas.
Nas de 1950 entraron no campo da feira 3.722 cabezas de gando que valían uns seis millóns de pesetas.
En 1952 repartironse en premios 15.000 pesetas.
En 1955 a comisión permanente de Feiras e Festas estaba composta polos seguintes membros: Presidente: Manuel Viadé Blanco e os vocais Manuel Cabanela, Ramón Marful Expósito, Luís Castro Carballeira, Pedro Meilan Torres, Victoriano González Redondo Maseda, Xermán Candia, Manuel Seijas Varela e Anxo Ribas Cendán. Nas festas de este ano actuaron as orquestras “Radio” da Cruña, “Puentes” das Pontes de García Rodríguez e a Orquestra “Manolo Araujo” de Mondoñedo.
X. Isidro Fernández Vilalba