Cervo, 3 de outubro de 2014- A edil de Obras, Pilar Armada, lamentou o “cinismo” do grupo municipal socialista ao criticar a realización da obra de mellora da accesibilidade e reforma da praza situada na Veiga, en San Cibrao. Armada lémbralles aos socialistas que ese proxecto “conta cunha subvención de 37.500 euros da Xunta de Galicia”.
Desa maneira, a edil anima á vicepresidenta segunda da Deputación e voceira do PSOE de Cervo a conceder algunha axuda ao Concello ou mesmo executar “algunha das moitas obras que teñen pendentes de facer no municipio, como os accesos ao polígono de Cuíña ou a ampliación do Museo do Mar”. Desta maneira “demostrarían unha preocupación real polos veciños de Cervo”.
“Pola nosa banda continuaremos nesta liña de renovar, reformar e mellorar os espazos públicos da nosa competencia, xa sexa con ou sen axuda da Deputación”, manifesta a edil de Obras, que aproveita para lembrarlle a esta administración “que nin sequera está facendo a súa parte con aquelas estradas ou infraestruturas que son de titularidade provincial”.