Site icon Crónica3.com A Mariña

A Federación de Comercio da Mariña recibe unha subvención de 6.000 euros da Vicepresidencia da Deputación

A sede da Federación de Comercio da Mariña en Ribadeo acolleu este luns a sinatura do convenio do programa ‘Coñece A Mariña’, a través do que a Vicepresidencia da Deputación, que dirixe o nacionalista Antonio Veiga, concede unha axuda de carácter excepcional ao colectivo de comerciantes mariñán por valor de 6.000 euros, co obxecto de promocionar a comarca. Ao acto de sinatura asistirán o vicepresidente do organismo provincial, Antonio Veiga, e Ramón Leivas, presidente da Federación de Comercio da Mariña, que agrupa ás ACIA de Ribadeo, Viveiro, Burela, O Vicedo, Xove, Lourenzá, Mondoñedo, Foz e San Cibrao.

O proxecto consistirá na sinalización de todos os establecementos mediante a instalacións duns vinilos, en consonancia coas guías onde estarán marcadas as rutas de visita por todas as poboacións e lugares de visita máis destacados en cada unha das poboacións que conforman a federación. Antonio Veiga destaca que “con esta actuación contribúese ao fomento e promoción dos produtos e servizos turísticos da comarca, así como o patrimonio material e inmaterial da zona”, apunta.

Fortalecer o sector turístico
Asemade, Veiga sinalou que con este proxecto tamén “tratamos de fortalecer o sector turístico, mediante a súa sinalización, baseándose en múltiples atractivos que ten o seu territorio de maneira que permita o seu posicionamento no desenvolvemento integral e sostido de cada concello”, afirma.

Máis de 1.100 asociados
A Federación de Comercio da Mariña, que foi creada o pasado ano, aglutina a maioría das asociacións de comerciantes, industriais e autónomos da comarca: Ribadeo, Viveiro, Burela, O Vicedo, Xove, Lourenzá, Mondoñedo, Foz e San Cibrao. Na actualidade ten entre 1.100 e 1.200 asociados, que dan traballo a unhas 7.000 persoas. A federación creouse co obxectivo de vender conxuntamente a modernidade da comarca, a súa paisaxe, a súa riqueza cultural e gastronómica e o seu potencial comercial, entre outras cuestións. “Cremos que esta actividade é totalmente novidosa porque abarca oito poboacións da bisbarra, algo que ata agora non se fixo e que ningunha outra entidade ten capacidade para realizar”, apuntan dende a federación. Inciden, a maiores, na importancia desta sinalización turística “para a posta en valor e incorporación do consumo dos recursos que integran o patrimonio turístico como para mellorar os fluxos turísticos dunha zona”, aseguran.

Exit mobile version