Burela, 28 de outubro de 2014.- A exposición A escola, camiño do futuro continua o seu recorrido polos centros educativos do municipio e chega esta semana ao IES Monte Castelo. A mostra, que anteriormente xa estivo aberta ao público no CEIP Vista Alegre, intenta concienciar ao alumnado sobre a necesidade de aproveitar os recursos educativos e fomentar vías de participación solidaria entre os centros educativos galegos e os de países de África, América do Sur, América Central e Asia. A exposición poderá visitarse ata o 8 de novembro no IES Monte Castelo en horario lectivo.
A concelleira de Servizos Sociais, Muller, Igualdade e Sanidade de Burela, Diana Durán García, comentou que “a través do Programa de Atención a Inmigrantes da nosa concellería, como socio do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, en colaboración coa ONG Educo, queremos divulgar e sensibilizar á poboación sobre a realidade social do mundo que nos rodea. Por iso, neste mes de outubro celebramos aquí en Galicia, coma en moitos países europeos, a Semana Contra a Pobreza. Grazas á axuda de diversas ONG´s podemos dar a coñecer nesta semana as distintas visións sobre o desenvolvemento socioeconómico e a grande diversidade de situacións que se dan no mundo actual. E por iso, dende o noso Concello eliximos mostrar este mes a exposición titulada A escola, camiño do futuro. Trátase dun conxunto de 32 cubos de cartón pluma, que plasman diferentes proxectos educativos en países de África, América do Sur, América central e Asia”.
Durán incidiu en que “debido a temática desta exposición, dende a nosa Concellería quixemos implicar aos centros educativos do municipio para que lles servise ao alumnado para fomentar os seus cauces de participación solidaria. A exposición xa puido verse nas pasadas semanas no CEIP Vista Alegre, e dende onte e ata o sábado 8 de novembro, poderá visitarse no IES Monte Castelo. Dende o Concello, queremos agradecerlles aos centros educativos interesados nesta iniciativa a súa participación e a colaboración que están a mostrar con nós”.