Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación insertará a máis de 1.000 desempregados lucenses nas profesións máis demandadas na provincia

besteiro-mendez-pactoempregoO Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, acompañado pola Vicepresidenta Segunda e responsable da Área de Emprego, Lara Méndez, presentou este luns unha nova edición do que é “un dos programas de inserción laboral máis ambiciosos do organismo provincial”, o Pacto polo Emprego II. Este plan contribuirá a facilitará a inserción no mercado laboral de 1.005 lucenses desempregados, ofrecéndolles formación e prácticas remuneradas nas profesións con máis demanda no mercado de traballo da provincia.

O Pacto polo Emprego II conta cun orzamento total de 4,1 millóns de euros, cofinanciados nun 80% por fondos europeos, logo de que a boa xestión da Deputación conseguira ser premiada pola Unión Europea con 600.000 euros máis, que se sumaron aos 3,5 millóns de euros dos que dispoñía inicialmente o Plan. Este orzamento fai que este proxecto sexa o que acadou máis financiamento en Galicia na última convocatoria do Fondo Social Europeo.

Gómez Besteiro destacou que o Pacto é froito do traballo da Deputación de Lugo para “compensar os brutais recortes” levados a cabo polo Goberno de Núñez Feijóo, que “nos seus orzamentos para 2015 reduciu nun 54% os fondos destinados a políticas activas de emprego”, o que supón un recorte de 200 millóns de euros nos últimos cinco anos, e ao “Goberno de Mariano Rajoy, que reduciu os fondos para emprego este ano en 4.500 millóns”. O Presidente subliñou que “a Deputación de Lugo seguirá traballando para darlles aos lucenses unha alternativa que outras administracións lles negan. Unha desas alternativas, e xa lles adianto que non será a única, é o Pacto polo Emprego II: 4,1 millóns de euros que destinaremos a crear emprego na nosa provincia”.

67 accións formativas para atopar emprego
Os 67 cursos programados no Pacto polo Emprego II “responden á demanda real do mercado de traballo lugués”, destacou Gómez Besteiro, quen detallou cales serán estas accións formativas:
– 19 cursos de atención sociosanitaria a persoas no domicilio, cunha carga lectiva de 640 horas por curso.
– 19 cursos de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais, de 490 horas por curso.
– 3 de técnico de transporte sanitario, de 425 horas.
– 6 de operacións básicas de cociña, de 420 horas.
– 5 de operacións básicas de restaurante e bar, de 360 horas.
– 6 de limpeza de superficies e mobiliario en edificios e locais, de 270 horas.
– e 9 en asesoramento na función xerencial e no autoemprego, de 180 horas.

A Deputación de Lugo ofrece, pois, máis de 8.300 horas de formación, que se impartirán nas zonas centro, sur e norte da provincia, e que axudarán a máis de mil parados lugueses a atopar un posto de traballo.

En que consiste a formación

Pola súa banda, a Vicepresidenta Segunda e responsable da Área de Emprego da Deputación, Lara Méndez, explicou que os beneficiarios accederán “a formación teórica e práctica en recoñecidas empresas e asociacións da provincia mediante a realización de cursos de calidade que, en ocasións, superan as 600 horas formativas”. Ademais, subliñou que as empresas e asociacións adxudicatarias, para cuxa selección tamén se incluíron cláusulas sociais, ofrecerán titorías individuais sobre habilidades sociais, como o mellor xeito de presentarse a unha entrevista de traballo, redactar un bo currículum, poñer en marcha unha empresa, etc.

Méndez fixo fincapé en que “co obxectivo de que o feito de non contar con ingresos non deixe a ninguén fóra deste plan de emprego”, os participantes recibirán durante todo o proceso de formación unha prestación económica equivalente ao 75% do IPREM, isto é, uns 400 euros mensuais, cantidade máxima que a normativa que regula o Fondo Social Europeo permite.

Esta axuda mensual é compatible coa percepción da prestación por desemprego ou de calquera outra axuda pública da mesma finalidade, sempre e cando o total mensual non supere precisamente o 75% do IPREM.

A quen está dirixido e como inscribirse
O Presidente anunciou que a Xunta de Goberno deste venres aprobará as bases que rexerán a selección dos 1.005 beneficiarios deste plan, que poderán acceder a 67 accións formativas con prácticas remuneradas en empresas e asociacións da provincia. Estes beneficiarios poderán ser desempregados de todos os Concellos da provincia -agás o de Lugo, posto que este xa conta co seu propio plan equivalente-, que para participar só teñen que estar inscritos como demandantes de emprego nas oficinas do Servizo Público de Emprego -antes denominadas Servizo Galego de Colocación-.

Malia que este programa está dirixido calquera persoa desempregada, teranse en especial consideración, tal e como indican as bases, determinados colectivos con máis dificultades:
– menores de 30 anos e maiores de 45
– desempregados de longa duración
– persoas con diversidades funcionais
– vítimas de maltrato
– persoas en proceso de rehabilitación ou reinserción social
– as pertencentes a minorías étnicas
– os inmigrantes
– mozos que non superaran a ensinanza obrigatoria
– coidadores non profesionais que atenden a dependentes
– outros colectivos en risco de exclusión social.

Unha vez aprobadas as bases que rexen a selección dos beneficiarios este mesmo venres, a Deputación enviará a petición formal a todas as oficinas do Servizo Público de Emprego da provincia. A vindeira semana os interesados en tomar parte xa poderán dirixirse á súa oficina de emprego e, simplemente, manifestar que están interesados en participar nos cursos da Deputación.

Máis información en www.deputacionlugo.gal ou no teléfono 982 260 088.

Exit mobile version