Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación e a Asociación de Veciños de San Román de Vilaestrofe editarán un libro sobre a historia da parroquia cervense

Cervo, 3 de outubro de 2014. O vicepresidente da Deputación, o nacionalista Antonio Veiga, participa esta tarde nun encontro coa Asociación de Veciños de San Román de Vilaestrofe. Na mesma, que se levará a cabo a partir das sete de atade no local que ten a asociación, tratarase a edición dun libro feito por Paco Piñeiro sobre a historia desta parroquia cervense e a homenaxe que se lle fará dentro duns meses a Manuel Candia López, un dos veciños que colaborou en moitos proxectos da súa vila natal pese a estar emigrado no sur da Arxentina.

De feito, o libro de Piñeiro, titulado ‘O valor do noso’, xurdiu coa intención de conmemorar o primeiro centenario do grupo escolar de San Román de Vilaestrofe, que foi construído con cartos doados polo mencionado Manuel Candia e que se cumprirá o vindeiro 1 de xaneiro do 2015. Este indiano tamén colaborou noutros moitos proxectos, polo que na celebración deste centenario tamén teñen previsto inaugurar un busto de Candia feito polo escultor e catedrático de debuxo valenciano, pero afincado en Mondoñedo, Juan Puchades. A importancia dos emigrantes foi notable no desenvolvemento de San Román, xa que foi outro indiano o que asumiu os custos de construír a estrada que une a parroquia con Cervo.

Neste volume tamén se ofrece un exhaustivo traballo de documentación sobre a historia desta parroquia cervense, desde a época prerromana ata a actualidade. O autor, Paco Piñeiro, destacou “a riqueza cultural que ten San Román, xa que chegou a ser un centro punteiro no eido cultural, grazas á posta en marcha no século XX do centro cultural, o teleclube, e mesmo conseguiran premios a nivel estatal”, explicou.

Exit mobile version