Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación de Lugo aposta pola Banca Ética

A Deputación de Lugo acollerá unhas xornadas, dirixidas tanto ás administracións como á cidadanía, para dar a coñecer este proxecto de banca ética na provincia. As dúas xornadas celebraranse no Salón de Actos do Pazo de San Marcos os días 17 e 18 de outubro, e serán de carácter técnico e informativo, respectivamente. Estas xornadas están organizadas polo organismo provincial e Banca Ética Fiare, o banco cooperativo máis importante de Europa e que conta con máis de 37.000 asociados.

Así o anunciou hoxe a Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, quen destacou que a colaboración da institución luguesa con esta banca alternativa, “está en consonancia coas políticas públicas que este organismo está levando a cabo e que sitúan ás persoas como prioridade”. A Deputada salientou que “as novas maneiras de facer políticas públicas tamén pasan por comprometerse coas persoas, apoiando o nacemento de proxectos locais cun positivo impacto social”.

García Porto, que estivo acompañada de Xabier Bruña, coordinador local de Fiare Galicia, puxo como exemplo deste compromiso coas persoas diversas iniciativas da Deputación de Lugo, como a incorporación de cláusulas sociais en todos os contratos de obras e servizos, que fixo da institución luguesa o primeiro organismo provincial de España e pioneira entre as administracións públicas de Galicia en blindar os dereitos dos traballadores fronte aos posibles abusos que poidan cometer as empresas escusándose na reforma laboral; ou o ser a 1ª institución provincial do país en contar cuns orzamentos participativos, incorporando á cidadanía na toma de decisións provincia, propoñendo e opinando sobre os asuntos públicos de cara a mellorar a súa calidade de vida.

Programación das xornadas

As xornadas organizadas por Deputación e Banca Ética Fiare terán lugar os días 17 e 18 de outubro no Salón de Actos do Pazo de San Marcos e, tal e como destacou García Porto, están dirixidas tanto ás administracións coma á cidadanía. A asistencia é libre e gratuíta, só limitada polo aforo.

En canto á xornada técnica do día 17, que se desenvolverá entre as 10:30 e as 13:00 horas, o Director de Operacións de Fiare, Juan Gabiri, abordará cuestións de carácter máis específico, dirixidas a institucións e administracións, co fin de que estas coñezan as liñas de acción e funcionamento da Banca Ética-Fiare, así como as ferramentas das que dispón para o apoio de proxectos de carácter local: desenvolvemento de proxectos no rural ou calquera outro tipo de iniciativas ecolóxicas e socialmente responsables.

Por outra banda, a xornada informativa do día 18 está dirixida ao público en xeral, para que coñezan esta cooperativa de crédito, os depósitos de aforro dos que dispón e cos que se financian proxectos vencellados á loita contra a exclusión social, a cooperación ao desenvolvemento, a agricultura ecolóxica ou o comercio xusto. Neste caso, a xornada desenvolverase de 10:00 a 14:00 horas, e os expertos encargados serán Gonzalo Gesto, secretario de Fiare Galicia; Esteban González, coordinador GIT-Galicia Norte e, novamente, Juan Gabiri.

Que é Banca Ética-Fiare
Banca Ética Fiare ten a súa orixe na unión de dous importantes proxectos de financiamento ético: a Banca Popolare Etica, banco cooperativo italiano nacido no 1999, e Fiare, que opera en España dende o 2005.

Este banco cooperativo conta entre os seus máis de 37.000 asociados tanto con institucións como con cidadanía, que coas súas aportacións xeran un capital social que supón formar parte dun proxecto de “democracia económica”. Os asociados, dos que xa forma parte a Deputación de Lugo, son os propietarios do banco cooperativo, fomentando o seu desenvolvemento coas súas aportacións e asegurando a súa independencia dos grandes grupos económico-financeiros.

A súa estrutura organizativa funciona a nivel local, de xeito que conecta funcionalmente a actividade do Banco coas necesidades particulares e proxectos máis vantaxosos para cada territorio, permitindo que os asociados participen de maneira directa na vida do banco.

Exit mobile version