A democracia e a transparencia entraron na Deputación de Lugo coa chegada de José Ramón Gómez Besteiro e novo equipo do Goberno provincial no ano 2007. De feito, as numerosas medidas de rexeneración e modernización adoptadas polo Presidente conseguiron que o organismo lugués pasase de ser declarado oficialmente polo Valedor do Pobo como “hostil e entorpecedor” a situarse hoxe como a 6ª Deputación de España máis transparente, segundo a recoñecida entidade oficial Transparencia Internacional. A Deputación replica deste xeito ao vicepresidente da Xunta e secretario xeral do PP galego, Alfonso Rueda, recomendándolle que, ao igual que fixo finalmente coas cláusulas sociais, a Xunta de Galicia siga o exemplo da Deputación e implante unha iniciativa de fondo calado democrático como os orzamentos participativos.
A elaboración dos presupostos participativos, os primeiros dunha Deputación en España, é precisamente o último paso dentro da firme aposta de Gómez Besteiro pola mellora da calidade democrática e a transparencia, por modernizar a administración e facela máis útil ós lucenses. Entre outras, dende o 2007, impulsou medidas que se plasman en catro planos:
– Fisicamente. Abriu o Pazo de San San Marcos á cidadanía, o uso dos xardíns traseiros do edificio pasou a ser público e wifi, e unhas 40.000 persoas coñeceron a sede da institución coas visitas abertas.
– Nas políticas: A Deputación foi sensible ás demandas sociais, saldando débedas históricas cos Concellos da provincia, como a posta en marcha dos parques de bombeiros; o pago de 11 millóns de euros de canon hidroeléctrico a 16 Concellos; a transferencia á Xunta dos hospitais de San José e San Rafael, deixando de ser a única provincia de España con competencias en sanidade; construíu unha sede da UNED en Lugo; e recuperou como patrimonio de todos os lucenses o Pazo monfortino de Tor e o legado de Álvaro Gil. Este Goberno creou por primeira vez a área de Cooperación cos Concellos que, inexplicablemente, non existía.
– Na xestión administrativa: A Deputación de Lugo está aberta as 24 horas, os 365 días do ano, porque implantou a Administración Electrónica ou sen papeis; dá cumprida conta da súa situación económico financeira cada tres meses no Pleno, e colga esa información na páxina web (www.deputacionlugo.gal); informa cada tres meses do prazo no que paga aos provedores; e todos os decretos van a pleno.
– Na relación coa oposición: O actual Goberno aprobou un Regulamento Orgánico para garantir a transparencia e facilitar ó máximo o labor da oposición. Por 1ª vez, dispoñen de dous locais de traballo e equipos informáticos, ademais de 3 asesores, cun custe anual para a Deputación de case 122.000 euros. O PP conta tamén con 5 deputados con dedicacións que suman preto de 200.000 euros ó ano. A Deputación dá resposta ás súas peticións de documentación nun prazo de 5 días. Soamente o ano pasado entregáronselles máis de 3.000 copias de decretos, ás que hai que engadir as correspondentes a outros documentos. Mentres Núñez Feijóo deixou sen responder 6 de cada 10 preguntas presentadas pola oposición en 2013 no Parlamento, Gómez Besteiro contestou 126 de 143 solicitudes desde 2011. As restantes non se responderon por ser información non concreta, documentos que deben solicitarse noutro órgano ou institución, ou mesmo porque o PP renunciou á súa consulta.
Os deputados da oposición contan cun espazo na Secretaría Xeral da Deputación para consultar todos os expedientes que require, así como servizo de copia; todas as semanas recibe unha relación do Rexistro de Entrada de Documentos, a orde do día e a acta das Xuntas de Goberno; e consulta todos os decretos e resolucións da Presidencia. A oposición pasou a estar en todas as mesas de contratación; e a Xunta de Voceiros, que nunca se reuniu nos 24 anos do Goberno provincial do PP, agás tras o Pleno posterior á toma de posesión, agora convócase para todos os asuntos de importancia para a provincia.
Sen embargo, a oposición non aproveita todas estes mecanismos de participación e mostra deixamento da súa función fiscalizadora. De feito, a Deputación ten documentado as numerosas ausencias dos Deputados do PP, tanto en mesas de contratación, como nos Consellos de Administración de SUPLUSA, reunións do padroado da Fundación TIC ou do Consello do INLUDES -cando existía-. O PP nunca ten substituto, é dicir o seu posto queda vacante nestes órganos institucionais, polo que o seu papel non o cumpre ninguén.
O Presidente comparece no Parlamento galego
Ademais, o actual Presidente foi quen empezou a comparecencia anual da Deputación de Lugo no Parlamento de Galicia para explicar os orzamentos, pois o anterior Goberno provincial negouse a facelo, restándolle lexitimidade á Cámara autonómica.
A Deputación contesta agora en prazo a todas as peticións do Valedor, cando o PP nin recoñecía esta figura. Como exemplo, nos últimos tres anos dos populares á fronte do Goberno provincial –de 2003 a 2006- quedaron sen responder a metade das solicitudes do Valedor, que chegou a pedir ata 5 veces a mesma documentación sen obter ningunha resposta.