Site icon Crónica3.com A Mariña

A construción do xeriátrico de Foz avanza para estar rematada no vindeiro ano

Foz, 4 de outubro de 2014. A construción da residencia de maiores de Foz avanza con rapidez, ao que contribuíron as boas condicións meteorolóxicas que houbo nas últimas semanas. O alcalde, Javier Jorge Castiñeira, prevé que estará rematada no vindeiro ano 2015.

Acompañado por técnicos o rexedor municipal focense visitou as obras e comentou que está moi contento por como avanzan: “xa se fixeron todos os traballos de movementos de terra e demolición dos edificios existentes e xa está bastante avanzada a cimentación. O bo tempo permitiu ese avance e fai posible seguir cos prazos de execución para que no ano 2015 estea feita a totalidade da obra, co que se ratifican os prazos que din dende o inicio e que lle comentei no seu momento á asociación de veciños O Castro”.

Javier Castiñeira engadiu que esta realidade “contradí totalmente as opinións do señor Val, o secretario xeral do PSOE de Foz, que minte, xa se acostumou a facelo, como comprobaron os seus ex compañeiros do grupo municipal socialista, e mentiu tamén aos veciños cando falou de que estas obras están paradas ou pasando por algún tipo de problema. Ao contrario, están avanzando perfectamente. Pero este señor, vista a situación de ingobernabilidade do seu propio partido, sae contando mentiras, que ninguén cree e que nosoutros desmentimos. Proba disto é o avance destas obras. Pero recomendámoslle que non xogue con estas cousas tan importantes para os veciños, como son o benestar e a sanidade, e que se dedique a recolocar o seu partido, que bastante traballo ten. Ademais os socios que ten agora para facelo de verdade que son moi bos para saír adiante”.

Exit mobile version