Site icon Crónica3.com A Mariña

A CIG Ensino interpón recurso contra o nomeamento da directora do IES Vilar Ponte por “vulnerar a lexislación vixente”

cig-vilarponteA Mariña, 14 de outubro de 2014.- Antes de nada, queremos desde a CIG-Ensino solidarizarnos coas dúas nais da Anpa do IES Vilar Ponte denunciadas pola directora do centro e demandar a inmediata retirada da denuncia. Ao mesmo tempo, a CIG Ensino acusa á Consellaría –e a xefatura territorial en particular- de ser a responsable do que está acontecendo no IES Vilar Ponte de Viveiro e de ser incapaz de resolver o conflito que ela mesma provocou, de actuar de forma improvisada e prepotente e de vulnerar sistematicamente a legalidade vixente.

En primeiro lugar, a CIG manifesta que o procedemento do nomeamento da nova dirección foi ilegal porque vulnerou a lexislación vixente. O Decreto 29/2007, de 8 de marzo que regula a selección, nomeamento e dimisión de directores e directoras di no seu artigo 17.2: “Nos supostos de que se produza o cesamento da dirección durante o curso escolar o delegado provincial da Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria, oído o claustro de profesores e o consello escolar, realizará nomeamento accidental da dirección, ata o 30 de xuño do ano que proceda…” É máis que obvio que a Xefatura Territorial neste caso non oio nin ao claustro nin ao consello escolar porque non foron convocados para tal efecto e procedeu a nomear a unha nova directora saltando a legalidade e incorrendo nun posible caso de prevaricación. Por este motivo, a CIG-Ensino presentou no día de onte unha reclamación diante da Xefatura Territorial pedindo a anulación do nomeamento da nova dirección nunha primeira instancia. Se non se resolvera positivamente a CIG Ensino proseguirá o procedemento e interporá un recurso contencioso-administrativo.

A CIG tamén cuestiona, coincidindo co aprobado pola maioría do claustro de profesores e profesoras o pasado mércores, a fórmula seguida pola Inspección e a nova dirección de elaboración dos horarios que está provocando unha grave desorganización no desenvolvemento da actividade docente do centro. A orde do 28 de xuño determina de forma clara o procedemento na asignación de grupos e de horarios. Primeiro a xefatura de estudos debe comunicar ás xefaturas de departamento o número de grupos de alumnado que corresponde a cada área, materia e módulos. A continuación os departamentos reúnense para distribuír as materias, cursos e quendas de cada membro do departamento. E finalmente e á vista da distribución feita por cada departamento a xefatura de estudos elabora os horarios tanto do alumnado como do profesorado, respectando sempre os criterios pedagóxicos.

Desde a CIG, demandamos que a Xefatura Territorial rectifique, anule o nomeamento desta dirección e se convoque ao claustro e ao consello escolar para elixir unha nova dirección que cumpra coa normativa e que sexa referendada pola maioría tanto do claustro como do consello escolar. Así mesmo, que se elaboren uns novos horarios conforme a lei e que sexan os distintos departamentos, unha vez reunidos, os que distribúan as horas que lles corresponden así como a asignación de grupos a cada profesor ou profesora e que non sexan impostos como parece quer facer a dirección e a inspección educativa.

Finalmente, A CIG Ensino pon a disposición do profesorado e da Anpa os seus servizos xurídicos tanto para facer as reclamacións e demandas pertinentes como para defenderse no caso de posibles acusacións ou represalias que poidan sufrir.

Dores Fernández Abel
Secretaria da CIG Ensino da Mariña

Exit mobile version