A Mariña, 11 de outubro de 2014.- A CIG Ensino acusa á Consellaría de ser a responsable do que está acontecendo no IES Vilar Ponte de Viveiro e mostra unha vez máis o seu apoio á comunidade educativa nas súas demandas.
A CIG Ensino é consciente de que a única culpable desta situación conflitiva non foi outra que a propia Consellaría a través da Inspección educativa ao ter comprometido manter o número de profesorado e unha semana despois de xa ter comezado o curso comunicarlle ao centro que tiña un profesor menos. Isto provocou a dimisión da dirección por sentirse enganados e non asumir un cambio que provocaría –como estamos vendo- un caos e unha diminución da calidade educativa no centro. “É curioso que a Consellaría apele á profesionalidade do profesorado (que a ten máis que demostrada polos resultados obtidos durante anos) cando a súa queda en entredito neste como noutros casos dados na comarca este curso”, afirma a secretaria da CIG-Ensino da Mariña, Dores Fernández Abel.
A CIG Ensino ten denunciado a supresión sistemática de unidades escolares e de profesorado nos centros de ensino da comarca da Mariña o que leva aparellado unha diminución importante da calidade do ensino público. Nos últimos 5 anos houbo unha supresión de case 100 profesores e profesoras na Mariña e sobre 3.000 en toda Galiza o que supón máis dun 10% menos. A isto hai que sumar o aumento de profesorado con materias afíns, a aumento de profesorado que comparte centro, o aumento dos agrupamentos de escolares de distintas idades e o abandono por parte da Consellaría do alumnado con necesidades educativas específicas e de atención á diversidade.
A CIG volve a reclamar da Consellaría que busque unha solución de consenso pero sobre todo unha solución que pense na mellora da calidade educativa para o alumnado do centro. “Non pode a Consellaría ter unha actitude de enfrontamento con toda a comunidade educativa e alongar esta situación. Debería sentarse co claustro de profesores e a anpa e reconducir a situación para restablecer a normalidade.”
Dores Fernández Abel
Secretaria da CIG Ensino da Mariña.