As prácticas desta persoa terán unha duración de seis meses e a súa carga de traballo será de 2 horas, de luns a venres, desenvolvendo as labores de ordenanza e auxiliar de recepción no citado museo, instalación dependente do organismo provincial. “Para nós é unha obriga, ademais dunha satisfacción enorme, contribuír á integración laboral das persoas con discapacidade”, remarcou Mario Outeiro. Esta actuación, cuxo gasto sufragará a Deputación cunha subvención de carácter excepcional de 2.450 euros, está enmarcada dentro do ‘Proxecto de acercamento ao mundo laboral para persoas con enfermidade mental’ impulsado por FEAFES Galicia
Programas de accesibilidade do museo
Esta non é a primeira iniciativa social que se leva a cabo no Museo Provincial de Lugo, xa que é unha sala que destaca pola súa implicación en programas de accesibilidade, polos que xa ten recibido algún premio. “O Museo Provincial conta con departamento específico de accesibilidade e destaca tanto pola eliminación de barreiras arquitectónicas como pola posta en marcha de iniciativas para que as persoas invidentes ou con calquera outro tipo de discapacidade poidan gozar das exposicións e actividades que acolle a sala”, apuntou Mario Outeiro.
FEAFES representa a máis de 40.000 persoas
FEAFES Galicia é unha entidade sen ánimo de lucro que se constituíu no ano 1985 co obxectivo de actuar como representante dos dereitos e necesidades do movemento asociativo das persoas con enfermidade mental. Na actualidade conta con presenza en 30 localidades galegas e representa a un total de 41.775 persoas, das cales máis de 5.000 son socias do colectivo.
Tendo en conta que as enfermidades mentais repercuten en todos os aspectos da vida da persoa (saúde, familia, relacións sociais, traballo, etc), entre as funcións principais de FEAFES está a de realizar accións dirixidas a mellorar a calidade de vida das persoas con enfermidade mental e a dos seus familiares, xa que na maioría dos casos recae neles o coidado destes doentes.