Tamén estiveron na mesa presidencial o presidente de Puertos del Estado, José Llorca Ortega, a delegada da Xunta en Lugo, Raquel Arias, o presidente da Autoridade Portuaria Ferrol-San Ciprián, José Manuel Vilariño Anca, e o patrón maior da Confraría de Pescadores de Burela, Basilio Otero. Ao acto asistiron representantes do mundo do mar, das asociacións e colectivos de diversa índole existentes no concello e público en xeral.
Na súa intervención, o alcalde de Burela, José María González Barcia, lembrou “a tarde do pasado 2 de marzo cando o mar arrancou totalmente a parte superior do faro e seccionou o mesmo pola base, provocando un desprazamento que facía imposible a súa recuperación”. Barcia dixo que “se a imaxe do faro era impactante, máis impactante eran as caras das persoas do mar de toda a vida que miraban impotentes como un símbolo deste concello era literalmente zarandeado polo mar”.
O alcalde burelés tamén lembrou “a absoluta dispoñibilidade das administracións para, primeiro, solucionar o problema que se plantexaba; segundo, recuperar o sinal luminoso para seguir garantindo a seguridade marítima, e, terceiro recuperar unha sinal de identidade que xa é tanto de todos que mesmo está no escudo e na bandeira do noso concello”.
Nese sentido, “teño que agradecer, no nome de todo o pobo de Burela, esa dispoñibilidade, que se demostrou xa ao día seguinte coa presenza aquí do presidente da Autoridade Portuaria, José Manuel Vilariño”, engadiu González Barcia, quen lembrou que “a Autoridade Portuaria é quen está financiando todo o que se está a facer no faro e tamén financiará a reconstrución do mesmo”.
O rexedor asegurou que “todos os pasos previstos se foron cumprindo, se están cumprindo, e se cumprirán. En todo momento fomos informando aos veciños do que se estaba a facer e do que se prevía facer, actuando con total transparencia”.
Barcia puxo de manifesto que hai “dúas semanas reunímonos en Ferrol co presidente da Autoridade Portuaria, xunto do patrón maior da Confraría, para ser informados de primeira man do proxecto de reconstrución do faro, antes de ser presentado publicamente. E hoxe está aquí o Delegado do Goberno para corroborar o compromiso do goberno de Mariano Rajoy con Burela, de forma e maneira que ese símbolo que nos guía a todos os de Burela, especialmente ás xentes do mar, o noso faro, poida ser de novo, e canto antes, un referente para todos”.
“A presenza da Conselleira de Mar, unha vez máis, na nosa vila, ven demostrar a total identificación da Xunta presidida por Núñez Feijoo con Burela e os seus problemas e necesidades. O investimento que se vai levar a cabo é elevado para unha situación económica coma a actual, polo que aínda é máis de agradecer o esforzo que se está levando a cabo”, sinalou o rexedor burelés.
González Barcia tivo tamén verbas de agradecemento para a ministra de Fomento, Ana Pastor, de quen depende a Autoridade Portuaria, dado que “se puxo en contacto persoal comigo para falar en varias ocasións de todo o relativo co faro e informarme das medidas a adoptar”.
Finalmente, o alcalde manifestou un desexo: “xa me gustaría que o mar estivese en calma un par de meses para ter a obra rematada canto antes, pero entramos no inverno e polo tanto haberá que ter paciencia, porque o estado do mar será determinante”. O presuposto de construción do novo faro ascende a 400.000 euros e o prazo de execución será de 4 meses.