Site icon Crónica3.com A Mariña

O GPP defende o esforzo de xestión da Xunta para mellorar os resultados de Sogama e lembran que PSOE e BNG non foron quen de poñer sobre a mesa un modelo alternativo

Lugo, 30 de setembro de 2014.- O Grupo Provincial do Partido Popular defendeu este martes o esforzo de xestión da Xunta de Galicia para mellorar os resultados de Sogama e lembrou que PSOE e BNG non foron quen de poñer sobre a mesa un modelo alternativo á proposta levada a cabo polos populares.

Durante o debate da moción presentada polos socialistas e nacionalistas que tivo esta mañá en sesión plenaria da Deputación de Lugo; os populares matizaron cales son as verdades desta situación. “A moción do equipo de goberno parte de presupostos radicalmente falsos. As contas de Sogama son públicas e están auditadas”.

A ese respecto, destacaron que a suba do canon de Sogama foi consecuencia da necesidade de responder a unha reforma en profundidade da regulación do mercado da enerxía con forte impacto na facturación de Sogama.

Dacordo co borrador da Orde de parámetros que o Ministerio de Industria deu a coñecer a finais do ano 2013, Sogama veríase abocada a acometer unha nova suba do canon en 2015. Porén, grazas ao esforzo negociador da Xunta, esa medida non vai ser necesaria.

Polo tanto, grazas á Xunta de Galicia, Sogama afronta o futuro cun escenario menos malo do previsto en 2013, pero, de todos xeitos, e “lamentamos moito peor que o do ano 2012”. Así, neste momento e coas novas condicións estase a revisar o Plan de Viabilidade.

Deste xeito o GPP na súa emenda pide que a Deputación avale o traballo e as xestións desenroladas pola Xunta de Galicia que permitiron mellorar as previsións de Sogama; ao tempo que pediron que estes bos resultados se teñan en conta de cara á toma de futuras decisións en relación ao canon.

Acusacións falsas
Os populares lembraron que a suba do canon de 2014 enmárcase nun plan de Viabilidade 2013-2022 e non tomando en consideración só os resultados de 2013.

De todos xeitos, e sobre as diferenzas dadas entre o presupostado e o real do ano 2013, o Grupo Popular destacou que se están a dar dende hai preto de dez anos na sociedade. Ademais, destacaron que “tomándose a molestia de mirar as contas é doadamente comprobable que a diferenza entre o presupostado por Sogama para 2013 e os seus resultados reais é do 3%”.

Deste xeito, os populares pídenlle rigor e seriedade ao equipo de goberno da Deputación no lugar de terxiversar os datos para facer ruído pensando en calendarios electorais.

Así, dende o Grupo Provincial do Partido Popular indican que o goberno do bipartito só introduciu un cambio no modelo de xestión de residuos da Xunta: rachou a tendencia de destinar os beneficios da sociedade a reservas e pasar a repartir dividendos.

Exit mobile version