Site icon Crónica3.com A Mariña

O GPP defende a xestión da Delegación do Goberno e pídelle a Besteiro que non xere alarma

Lugo, 30 de setembro de 2014.- O Grupo Provincial Popular defendeu este martes a xestión da Delegación do Goberno e da Subdelegación en Lugo e pediulle a Besteiro que “non xere alarma”.

Os populares explicaron que non se pode estar en contra de iniciativas que pidan calquera mellora na seguridade, pero esixiron rigor no estudo dos datos, que seguen a ser semellantes ao da época socialista no Goberno central.

Deste xeito dende o GPP referiron á estabilidade do número de efectivos da Garda Civil e ao grao de cobertura do cadro de persoal, situado nun 94% na nosa provincia.

Así, o grupo provincial instou a Besteiro a consultar información do Ministerio do Interior, onde se reflicte que na provincia de Lugo, incluída a cidade da muralla, o número de axentes por mil habitantes está por riba da media nacional, sendo na provincia 3.8 e en España 3.7.
Tomando como referencia os datos do Ministerio de Interior, os populares aseguraron que no que atinxe a evolución da criminalidade na demarcación da Garda Civil, as infraccións penais no primeiro semestre do ano descenderon nun 5.3% no tocante ao mesmo período do ano 2013 e no que a roubos con forza se refire, diminuíron os seis primeiros meses un 22%.

O grupo provincial popular lembrou que no ano 2013 creouse o equipo ROCA, unha unidade encargada de incrementar a seguridade nas explotacións mediante unha vixilancia permanente e unha maior comunicación cos colectivos afectados e rematou explicando que estes equipos proporcionan unha cobertura integral ao agricultor e ao gandeiro que vai dende os contactos iniciais, pasando polo intercambio de información e acción formativas de seguridade, ata a investigación e identificación dos delincuentes.

Exit mobile version