Site icon Crónica3.com A Mariña

Nova edición da Festa do Ramo no Alto do Cruceiro

A Comisión de Festas de Xuances, formada por Javier Rivas, Iago Eijo, Francisco Sánchez, Rubén Sánchez e Alejandro Quintas, organiza por oitavo ano consecutivo a FESTA DO RAMO que se vai celebrar no Alto do Cruceiro o venres 3 e o sábado 4 de outubro.

Despois de 16 anos sen celebrarse, foi esta comisión a que recuperou esta tradición que se celebra nun lugar de fácil acceso á beira da estrada Viveiro-Ribadeo e que este ano “estrea campo recén asfaltado co fin de favorecer os bailes e outras actividades festivas”.

“Aínda que desexamos con todas as nosas forzas ter uns bos días climatolóxicos; pode pasar que non sexa así e, prevendo isto, a festa celebrarase baixo unha carpa”. “E para unha maior comodidade dos nosos visitantes, dispoñemos de amplos aparcamentos no entorno do campo da festa”.

Programa
O programa comeza o venres 3 de outubro coa oitava edición da Festa do Callos. “Trátase, loxicamente, dunha festa gastronómica, dun producto tan noso como son os callos. A proposta que lles facemos aos asistentes consiste no seguinte: pola módica cantidade de 5 euros poderase degustar unha abundante ración de callos, pan e un viño. En total, temos preparadas máis de 1.000 racións, que esperamos que se agoten. Para conseguir estas racións, no mesmo lugar da festa imos ter un posto onde os visitantes van poder adquirir tickets que se cambiarán polas correspondentes racións de callos”. “E co estómago ben cheo remataremos a festa cun bo programa de baile a partir das 10.30 da noite amenizado pola orquestra “GALILEA”.

O programa do sábado, 4 de outubro comezará ás 13.00 horas cunha misa solemne e procesión cunha coral e os gaiteiros de Saíñas de Xove. Ás dúas da tarde a orquestra Fin de Siglo ofrecerá unha sesión vermú e ás 22.00 horas comezará a festa verbena coas orquestras Fin de Siglo e Mosaico.

Por último, a Comisión quere darlle as grazas a tódalas persoas, institucións, empresas, etc. que desinteresadamente colaboran coas nosas festas, “agradecemento que queremos sexa especial para tódolos nosos veciños”.

Exit mobile version