Site icon Crónica3.com A Mariña

Inician o curso sen incidencias preto de 12.500 alumnos de Secundaria e Bacharelato na provincia de Lugo

Lugo, 15 de setembro de 2014.- Os centros de ensino da provincia de Lugo abriron este luns sen incidencias as súas portas para acoller aos máis de 12.500 alumnos de Secundaria e Bacharelato que iniciaron o curso académico.

A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, destacou a total normalidade no inicio do curso tanto en Bacharelato como nos ciclos de Formación Profesional ou nas outras ensinanzas regradas, como música ou deporte.

Así, a xornada supuxo á volta ás aulas de 9.340 alumnos e alumnas de Educación Secundaria Obrigatoria. Deste volume total, o 77,50% cursa estudos en centros públicos da provincia lucense.

No Bacharelato ordinario están matriculados 3.202 alumnas e alumnos lucenses, unha cifra que representa un descenso de menos do un por cento con relación ao ano pasado. Neste caso, máis do 92% están matriculados en centros públicos.

Hoxe deron comezo, tamén con normalidade, as clases nos ciclos formativos de Formación Profesional e nos Programas de Cualificación Profesional Inicial (PCPI) que se imparten nos institutos de educación secundaria (IES) e nos Centros Integrados de Formación Profesional (CIFP) de Galicia. Os datos de número de matriculados nestas ensinanzas coñeceranse nas vindeiras semanas, unha vez remate o prazo de matriculación de alumnas e alumnos na segunda adxudicación do período extraordinario de admisión.

Igualmente, ábrese o curso nas ensinanzas regradas de música, con 2.325 persoas matriculadas en Lugo, ou nas escolas deportivas, con 27 matriculados na provincia, entre outras especialidades.

No que atinxe ás ensinanzas para adultos, estímase que as cursarán no curso 2014/2015 un total de 1.636 persoas na provincia de Lugo. Delas, 194 están matriculadas en ensinanzas básicas de nivel I e II, 637 nas de Educación Secundaria para adultos, 217 nas de bacharelato presencial e 588 nas de Bacharelato semipresencial.

Neste sentido, o maior número de alumnos corresponde á cidade de Lugo, onde hoxe empezaron as clases 1.440 alumnos en Bacharelato, aos que cómpre engadir as 512 persoas que comezan o exercicio no Bacharelato en réxime de adultos. Por outra banda, en Secundaria Obrigatoria, 3.475 alumnos iniciaron o curso no municipio lucense, aos que hai que sumar as 279 que a principian no réxime de adultos.

Exit mobile version