Ribadeo, 15 de setembro de 2014. Estes días comeza a última fase das obras de acondicionamento, humanización e embelecemento da avenida Calvo Sotelo. O investimento, que realizan a Xunta, o Ministerio e o Concello, ascende a 110.000 euros. O prazo de execución é de dous meses. O alcalde, Fernando Suárez, pide disculpas polas molestias que se poidan ocasionar.
O rexedor explicaba esta mañá que “agora, despois das festas e do verán, é o momento de seguir coas obras que tiñamos planificadas, singularmente no casco vello de Ribadeo, grazas a estes convenios entre o Concello, a Xunta e o Ministerio no que ten que ver cos cascos vellos. De aí que sigamos agora cunha nova e última fase da avenida Calvo Sotelo, que fomos facendo nos últimos anos en varios treitos e agora o último que rematará as obras desta avenida e que a converterá nunha rúa ben feita, con árbores, con comodidade para os viandantes, con posibilidade de aparcamento tamén, pero ao mesmo tempo unha rúa moderna dentro dun límite porque a avenida Calvo Sotelo divide o casco vello da zona nova”.
Suárez Barcia indicaba que “cunha inversión de máis de 110.000 euros a empresa adxudicataria da obra a partir de hoxe e durante dous meses estará facendo o mellor posible para que as molestias sexan mínimas, aínda que estou seguro de que vai haber ruídos e outros inconvenientes durante unha temporadiña, pero tamén estou seguro de que ao final o resultado vai pagar a pena por como vai quedar a rúa”.
O alcalde engadiu que “en Rinlo, dado que tamén é unha área de rehabilitación integral, vamos facer o amaño dunha pequena rúa”. Trátase do acondicionamento, humanización e embelecemento dun treito da rúa Esperanza. A inversión neste caso sitúase en 89.000 euros a financiar polo Concello, a Xunta e o Ministerio.
Convenios pendentes
Fernando Suárez lembrou que Xunta e Ministerio levan máis dun ano sen asinar os convenios correspondentes para a rehabilitación de inmobles nos cascos vellos de Ribadeo e de Rinlo: “quixera pedirlles tanto á Xunta como ao Ministerio que se poñan de acordo na obra privada, dado que as subvencións para as vivendas que están nos conxuntos históricos dependen exclusivamente dos convenios entre a Xunta e o Ministerio, xa que o Concello entra cando é obra pública pero non na rehabilitación de edificios privados”.
O alcalde ribadense dixo que “como sei que moita xente está querendo rehabilitar edificios, ben por iniciativa propia ou porque desde o Concello lle estamos indicando que debe facelo, parécenos inxusto que levemos practicamente un ano sen que a Xunta e o Ministerio firmen os convenios, botándose a culpa entre eles un ao outro de se é culpa do Ministerio ou da Xunta. O caso é que os veciños non poden pedir axudas de rehabilitación nestes cascos históricos por non ter os convenios dispoñibles entre estas dúas entidades. E a ver se cumpren, tal é como o está facendo o Concello, coa obra pública que se ten que facer nos seus prazos e cos seus compromisos. De toda esta inversión o Concello está poñendo aproximadamente o 60 por cento, correspondéndolle o 40 por cento restante á Xunta e máis ao Ministerio”.