Burela, 15 de setembro de 2014. Burela volta pouco a pouco á normalidade tras a tromba de auga que caeu este domingo á tarde e que ocasionou asolagamentos e problemas nos sumidoiros e na rede de saneamento. As zonas máis afectadas foron o porto, Arcadio Pardiñas cruce con Rúa Torrentes, e O Perdouro, ademais de asolagamentos en zonas puntuais. Segundo os datos da estación meteorolóxica do IES Monte Castelo en 35 minutos caeron 129 litros de auga por metro cadrado. O Concello procede hoxe a realizar tarefas de limpeza e de arranxo dos estragos ocasionados e o rexedor referiuse “á enorme cantidade de auga que caeu onte en Burela entre as tres e dez e as catro menos cuarto da tarde e que ten causado algúns problemas, fundamentalmente vinculados co saneamento e con asolagamentos tanto en garaxes como en baixos”.
González Barcia contou que “onte pola tarde xunto con persoal de Protección Civil, de Obras do propio Concello e da empresa de limpeza fixemos unha primeira rolda de inspeccións para ver os danos causados e os máis importantes detectámolos na zona do porto, en concreto entre os bares A Marosa e Miramar, onde se levantou unha tapa de rexistro e parte do asfalto; fronte a Talleres Roca ocorreu o mesmo e varias tapas de rexistro saltaron entre a EDAR e a zona de Absa, en todo ese vieiro que vai cara ao Berbés. Houbo tamén asolagamentos de certa importancia na zona de Arcadio Pardiñas, na confluencia coa rúa Torrentes e coa que vai para Suafonte e tamén na zona do Perdouro, nas inmediacións de IG10, Dielectro, etcétera”.
O alcalde burelés indicou que “xa onte pola tarde o persoal da empresa de limpeza púxose a traballar de forma inmediata para deixar fundamentalmente toda a travesía de Arcadio Pardiñas libre, porque evidentemente era a zona que presentaba máis conflito. A última hora da tarde e primeira da noite o tema estaba xa practicamente estabilizado. E hoxe pola mañá continuamos coa rolda de inspeccións e xa temos traballando a pleno rendemento ao noso persoal, ao da empresa de augas tamén e ao da empresa de limpeza”.
Así mesmo, na mañá de hoxe o alcalde e técnicos de Portos de Galicia valoraron as actuacións a levar a cabo na zona portuaria. A intención é subsanar o problema nas vindeiras semanas.
José Mª González Barcia subliñou que “sirva como dato ilustrativo da cantidade de auga que onte caeu o que nos facilitou o IES Monte Castelo, que ten observatorio meteorolóxico: onte caeron en 35 minutos 129 litros de auga por metro cadrado. Para facernos unha idea, o día das inundacións que provocaron aquela riada que, entre outras cousas, ocasionara problemas en O Perdouro, no conxunto de todo o día caeran 140 litros por metro cadrado. O de onte é un dos datos de precipitación máis altos dos rexistrados polo IES Monte Castelo, porque insisto en que foron 129 litros en soamente 35 minutos. Meteogalicia rexistrou 103 litros por metro cadrado, en dez minutos na estación do Monte Castelo”.