Site icon Crónica3.com A Mariña

Pedreira corrixe á Deputación e asegura que é o Consorcio o que pediu o permiso para a reparación da avaría na rede de auga e non o Concello

Cervo, 28 de xullo de 2014- A edil Yolanda Pedreira corrixiu este luns á Deputación, que “unha vez máis fala totalmente desinformada e movida só pola súa hostilidade contra os veciños de Cervo”. A semana pasada o Concello denunciou que a Deputación lle prohibe ao Consorcio de Auga Cervo-Burela rematar as obras iniciadas para reparar unha avaría na canalización de auga ao seu paso por Rúa.

Ante esta denuncia, o Goberno Provincial contestou dicindo que o Concello non solicitara os permisos necesarios, e Pedreira corrixe: “Vese que a Deputación descoñece o funcionamento das administracións, porque se a obra a promove o Consorcio, é o Consorcio o que pide a autorización, e non o Concello”.

Pero Pedreira insiste no máis importante: “Un mes despois de que o Consorcio solicitase o permiso, a Deputación segue sen concedelo e as obras continúan bloqueadas e sen rematar”. A edil considera que “o Goberno Provincial pensou que era o Concello o que solicitaba o permiso e por iso non o concederon”, por esa “hostilidade” que ten “contra os veciños de Cervo”. “Poñen atrancos a todo o que teña que ver cos cervenses” e mostra diso é “que a estrada leva levantada un mes, o que provoca graves problemas de seguridade viaria”, cun carril cortado á circulación e o tráfico regulado por semáforos provisionais.

Exit mobile version