Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas de Burela aseguran que “a gardería municipal hipotecará a economía do Concello cando non ten competencias na materia”

Dende o PSdeG-PSOE de Burela, e despois de confirmado por parte do equipo de “desgoberno” do Partido Popular de Burela a compra do solar para a suposta instalación dunha nova gardería, queremos manifestar:

Que o PSdeG-PSOE de Burela non está en contra de que Burela conte cunha nova gardería, era unha das propostas coas que nos presentamos ás eleccións. Pero está totalmente en contra da maneira na que se pretende facer esta gardería. Dende o PSdeG-PSOE de Burela, e así o temos reiterado en numerosas notas de prensa, entende que esa nova gardería non ten porque custarlle un só euro ás arcas municipais xa que o Concello non ten competencias nesa materia. Sería a Xunta de Galicia a que tería que facerse cargo da construción da gardería, xa que ten as competencias na materia. O convenio que o Sr Barcia asinou coa Consellería é un ataque directo ós intereses de Burela.

Os socialistas de Burela aseguran que “a gardería municipal hipotecará a economía do Concello cando éste non ten competencias na materia”

A gardería que se pretende facer vai custarlle máis de 250.000 euros (máis de corenta millóns das antigas pesetas) ós veciños e veciñas de Burela con todo o que iso lles suporá. O Partido Popular de Burela está hipotecando a economía do Concello para facerlle un favor á Xunta de Galicia. Esta é a maneira de xestionar do Sr Barcia, penaliza ós veciños e veciñas de Burela para non enfrontarse á Xunta de Galicia do Sr Feijoo, como xa nos ten acostumados.

Dende o PSdeG-PSOE de Burela, como xa defendimos en varias ocasións, entendemos que temos no Concello instalacións máis que de sobra para a implantación da nova gardería sen que os veciños e veciñas de Burela teñan que poñer un só euro para a súa posta en funcionamento, instalacións que están desaproveitadas, ou ben que os servizos que existen nelas se poderían recolocar sen ningún tipo de problema, estamos a falar da Casa do Mar, a Casa da Xuventude ou onde se situaba a antiga Capitanía por exemplo. Instalacións que se poderían acondicionar perfectamente para poñer unha gardería por moitos menos cartos do que nos vai a custar os veciños e veciñas de Burela, e os cidadáns galegos en xeral.

Estas son as políticas de austeridade do “desgoberno” de Burela e máis da Xunta de Galicia. Está claro que tanto a Conselleira responsable, Sra Mato, como o Sr Barcia non teñen problema en despilfarrar os cartos de todos cando se podería facer o mesmo por menos cartos. Unha vez máis a Xunta de Galicia deixa tirados os veciños e veciñas de Burela que terán que seguir soportando as subas de impostos e taxas indiscriminado por parte do Concello.

A única dúbida que nos queda é cal sería o interés do Sr Barcia na construción dun novo edificio cando dispón de opcións máis económicas para os veciños e veciñas de Burela.

Exit mobile version