Lugo, 28 de xullo de 2014.- O Partido Popular de Mondoñedo interesarase no próximo pleno da administración local polas deficiencias existentes no abastecemento municipal de auga en Viloalle e Marquide.
Os veciños trasladaron ao PP queixas sobre os problemas que sofren na presión de auga dende o pasado mes de abril; ata o punto de quedarse sen auga en algunha das vivendas. “A insuficiencia no abastecemento estase a repetir de forma constante dende fai máis de tres meses”, matizaron os populares.
Ante esta circunstancia, o Partido Popular presentará un rogo en pleno para que o alcalde, o nacionalista Orlando González, atenda ás peticións dos veciños de Marquide e Viloalle e solucione os problemas do abastecemento de auga.
Os populares explican que os veciños están a pagar por un servizo insuficiente, e cuxas consecuencias chegan a implicar gastos xa que os altibaixos na presión da auga chegaron a ocasionar danos en electrodomésticos, como son as lavadoras.