Site icon Crónica3.com A Mariña

O GPP pide a Besteiro que colabore coa Xunta para impulsar a biomasa na provincia

Lugo, 28 de xullo de 2014.- A voceira do PP na Deputación de Lugo, Elena Candia, anunciou este luns que o Grupo Provincial do Partido Popular levará ao pleno provincial deste martes unha moción para pedir a Gómez Besteiro que colabore coa Xunta de Galicia para impulsar a biomasa na provincia.

Así, os populares instarán ao Organismo Provincial ao fomento do uso da biomasa forestal como fonte enerxética, autóctona, limpa e sostible e a promover e respaldar as medidas precisas para, en colaboración coa Xunta e co deseño establecido na Estratexia de Impulso á Biomasa 2014-2020, apoiar os proxectos dirixidos a aproveitar este recurso.

O grupo provincial popular recalca que a Estratexia de Impulso á Biomasa 2014-2020 que deseña o Goberno Galego en colaboración co sector prevé distintos eixos de actuación para incrementar a demanda, apostar pola innovación tecnolóxica e a garantía de calidade e orixe do produto, así como distintas medidas de formación e divulgación.

Afirman os populares que, no seu conxunto, suporá a mobilización de 450 millóns de euros en investimentos ata o ano 2020, a posta en marcha de múltiples axudas directas que superan os 89 millóns de euros de orzamento e a xeración de 1.000 postos de traballo.

“O obxectivo fundamental perseguido polo Goberno galego é aproveitar unhas capacidades que redundarán no despegue da biomasa como fonte de enerxía de presente, pero sobre todo, de futuro, ao tempo que fortalecerán a nosa industria madeireira”- manifestan, quenes lembran, que ao mesmo tempo, apostase por unha enerxía limpa capaz de reducir a dependencia enerxética dos derivados do petróleo; de mellorar a xestión e o rendemento dos montes galegos, e de impulsar o aforro e a eficiencia enerxética en familias, empresas e organismos oficiais, coa conseguinte redución de emisións de CO2.

Os populares consideran que, ademais das súas evidentes vantaxes ecolóxicas, a biomasa contribúe á creación de emprego e beneficia o desenvolvemento económico do medio rural.

IMPORTANCIA DA BIOMASA NA PROVINCIA DE LUGO
Os populares afirman que a Comunidade galega, e concretamente a provincia de Lugo, dispoñen de potencial e recursos para desenvolver unha industria asociada á valorización enerxética da biomasa, porén, “trátase de poñer en valor o monte galego favorecendo unha xestión forestal que facilite o seu desenvolvemento económico, así como outros aspectos tales como a fixación do emprego no rural, a creación dunha industria xeradora de riqueza, a profesionalización da xestión forestal e a prevención de incendios forestais, ao ter uns montes máis limpos e ordenados”.

Manifesta o PP que hai que saber aproveitar as oportunidades de emprendemento e de xeración de postos de traballo, sacando máis partido aos recursos abundantes nesta provincia como son os forestais. “Lugo é con 656.842 hectáreas a que maior dimensión arborada ten de Galicia, superando todas as provincias restantes”- lembran os populares quenes afirman que só nos últimos dez anos a provincia lucense aumentou nun 113% as hectáreas sobre as que se fixeron cortas e aproveitamentos madeireiros, cuxos restos aprovéitanse para biomasa, ao tempo que se veu arborando un 15% máis do territorio forestal que non se atopaba plantado con especies arbóreas.

Exit mobile version