Site icon Crónica3.com A Mariña

O Conservatorio de Viveiro acolle ata final de mes a exposición ‘Nunca Máis, a rebelión dun pobo’

presentacionNM Viveiro(1)Viveiro, 21 de xullo de 2014. O Conservatorio de Viveiro acolle desde este luns a exposición ‘Nunca Máis, a rebelión dun pobo’, unha mostra fotográfica, que pretende chamar a atención sobre todo o que supuxo, dende o eido social e cultural, e incluso económico, o Movemento Nunca Máis, consecuencia do embarracamento nas costas galegas con 77.000 toneladas de fuel do petroleiro Prestige aquel 13 de novembro de 2002.

O vicepresidente da Deputación de Lugo, o nacionalista Antonio Veiga, que estivo acompañado por Bernardo Fraga, presidente da Asociación Penalba-Chilindrín, e Carlos Nuevo Cal, do Seminario de Estudos Terra de Viveiro, ámbolos dous colectivos promotores desta iniciativa, foi o encargado de inaugurar esta mostra itinerante, comisariada por Uxío Breogán Diéguez, que estivo ata o 17 de xullo exposta no Museo do Mar de San Cibrao, e que continuará logo co seu percorrido por outros concellos da Mariña como Ribadeo e Mondoñedo durante o mes de agosto.

‘Nunca Máis, a rebelión dun pobo’, en palabras de Veiga, “representa a dignidade que os galegos e as galegas demostraron naqueles días de confusión e desesperación ante unha traxedia que se converteu en catástrofe grazas á despreocupación e á ineficiente xestión dun Goberno que deixou só e desprotexido a todo un pobo. Coa acción reivindicativa de Nunca Máis, mostrouse o orgullo de ser galego ou galega, o orgullo de pertencer a un pobo que defende e protexe o seu. Nunca Máis foi a chispa dun dos movementos sociais e culturais máis importantes do país durante os últimos cen anos”.

“A arte –continuou o vicepresidente da Deputación– é a expresión do que acontece e sinte unha sociedade e por iso, ao redor de Nunca Máis xerouse todo un movemento cultural do cal forma parte esta exposición. Os artistas tomaron o pulso do país nun momento de tristeza e pesadume do que naceron importantes obras no eido da escrita, das artes plásticas e da música. A cultura galega de principios do século XXI xa non se pode explicar sen facer referencia ao afundimento do Prestige, á catástrofe que provocou, e á marea humana que ao seu carón xurdiu e que se plasmou en todas as ramas da cultura”.

A este respecto, o vicepresidente da Deputación tamén destacou que “non só os artistas galegos deron conta do que viviu Galiza neses días, tamén artistas do resto do Estado e incluso da esfera internacional, como foron Pablo Milanés ou o portugués Fausto, recolleron nas súas creacións a traxedia; cada un ao seu xeito mostrou a súa solidariedade co pobo galego ao igual que o fixeron milleiros de cidadáns. Naqueles días, demostrouse como a solidariedade da senso ao concepto de cidadanía”.

Coa creación desta exposición, que durante estes meses de verán está itinerando por diversos concellos da comarca, no afán de que chegue ao maior número de mariñás e mariñáns, a Vicepresidencia da Deputación pretende facer unha homenaxe a todo o pobo galego, a todos aqueles que se achegaron a Galiza para axudar, e ao traballo da Plataforma Nunca Máis.

A próxima parada desta exposición será en Mondoñedo, onde estará aberta ao público na Sala de Actos do Centro Comarcal do 1 ao 17 de agosto, para desprazarse logo a Ribadeo, onde poderá verse na Oficina de Turismo do 19 ao 31 de agosto.

Estreita colaboración da área de Cultura da Deputación co Conservatorio de Viveiro
A mostra ‘Nunca Máis, a rebelión dun pobo’ estará exposta nas instalacións do Conservatorio de Viveiro ata o vindeiro 31 de xullo. O compromiso da área de Cultura da Deputación de Lugo con esta entidade municipal, queda reflectido na colaboración anual que a institución provincial aporta ao Conservatorio, que este ano se traduce nunha axuda de 15.000 euros.

Esta subvención sitúase no marco de colaboración que a área de Cultura da Deputación de Lugo mantén cos conservatorios de música de titularidade municipal, como son o caso de Viveiro, Vilalba e Monforte de Lemos.

O conservatorio de Viveiro conta con arredor de 350 alumnos e alumnas de toda a comarca da Mariña, e incluso da comarca de Ortegal, que reciben formación musical por parte de 20 profesores e profesoras. Non obstante, o seu mantemento supón un forte compromiso económico por parte do Concello e da Deputación.

Proxección do filme ‘Encallados’
Neste mesmo contexto, o Conservatorio de Viveiro acollerá, o vindeiro 30 de xullo, ás 20:30 horas a proxección do filme Encallados, presentado este luns en Lugo, e que tamén pasará polas vilas de Mondoñedo (13 de agosto na Sala de Actos do Centro Comarcal ás 20:30 horas) e Ribadeo (26 de agosto no Teatro ás 20:30 horas).

Encallados, que recibiu tres premios Mestre Mateo á mellor película para TV, á mellor dirección de fotografía e á mellor montaxe, é unha comedia rodada en Santiago de Compostela, en branco e negro, en 16 mm. Unha mirada ao noso cine e ao contexto no que vivimos chea de honestidade, autocrítica, melancolía e humor, coa catástrofe do Prestige de fondo. Unha película que nace a partir do fracaso de intentar facer outra, cando a Zarauza lle encargaran a realización dunha película sobe o Prestige, imposible de levar a cabo tendo en conta as condicións económicas e de traballo impostas. Profesionais do cinema lucenses como Luís Tosar, forman parte deste proxecto cinematográfico.

Neste sentido, Antonio Veiga agradeceu a todo o equipo da película “por facernos máis coñecedores dun dos peores episodios da historia galega recente; un fito que fixo que a sociedade galega se erguera xerándose un dos movementos sociais e culturais máis importantes do país durante os últimos cen anos”.

Ficha técnica e artística
Dirección: Alfonso Zarauza.

Actores: Xúlio Abonjo, Federico Pérez, Ricardo de Barreiro, Farruco Castromán.

Coa colaboración especial de Luís Tosar.

Produción executiva Luis Tosar, Farruco Castromán, Pizca Gutiérrez

Guión Alfonso Zarauza, Xosé Castro “Pato”, Andy Mahía

Dirección de fotografía Alberto Díaz Bertitxi (A.E.C.)

Dirección de arte Jaione Camborda Coll.

Son: Xavi Souto.

Axudante de dirección e xefe de produción: Pablo Atienza.

Montaxe: Adrián Pino.

Música: Robi C. Goday, Raquel Vilas Zarauza.

Unha película de ZircoZine distribuída por MrMisto.

Distribución: Xoán Mariño.

Comunicación: María Yáñez.

Deseño gráfico: Pablo Dávila.

Axenda na comarca da Mariña
EXPOSICIÓN NUNCA MÁIS:
– Viveiro: do 21 ao 31 de xullo no Conservatorio
– Mondoñedo: do 1 ao 17 de agosto no Centro Comarcal
– Ribadeo: do 19 ao 31 de agosto na Oficina de Turismo

PELÍCULA ‘ENCALLADOS’:
– Viveiro: 30 de xullo ás 20:30 horas no Conservatorio
– Mondoñedo: 13 de agosto ás 20:30 horas no Centro Comarcal
– Ribadeo: 26 de agosto ás 20:30 horas no Teatro

Exit mobile version