Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG presentará iniciativas no Congreso dos Deputados, Deputación e Concellos para que se mellore a seguridade da A-8

A Mariña, 27 de xullo de 2014. O Bloque Nacionalista Galego levará ao Congreso dos Deputados, por medio da Deputada Rosana Pérez, iniciativas sobre o nivel de seguridade no tramo entre Lindín e A Xesta, onde as circunstancias meteoróloxicas adoitan ser adversas e onde, desde o mes de febreiro no que se abriu ao tráfico, xa se produciron varios incidentes. Igualmente, preguntarán sobre o funcionamento dos sistemas instalados e sobre as medidas que se pretenden pór en marcha para evitar novos sinistros.

Desde o BNG, a súa responsable comarcal na Mariña, Ana Ermida lamenta o desenlace do último accidente ocurrido, apostando “por poñer todas as medidas necesarias para evitar que se volvan a producir máis sinistros.” Sobre esto, “trasladamos as nosas condolencias a familiares e amizades da muller falecida e desexamos a pronta recuperación de todas as persoas feridas”

Tamén levarán as súas demandas aos plenos da Deputación e dos concellos, instando ao Ministerio de Fomento a analizar este tramo e adoptar todas as medidas precisas.

Os nacionalistas sinalan que a perigosidade do tramo é coñecida por calquera persoa da zona e aseguran que “a utilización do mesmo é cada vez menor pola xente da comarca, que optan por utilizar a estrada convencional ante a dificultades para conducir pola autovía.” Neste sentido, tamén advirten da necesidade de mantemento da N-634 que, cada vez máis, volve a soportar unha importante densidade de tráfico.

Desde o BNG consideran que “a adopción de medidas que garantan a seguridade é urxente, debido á alta sinistralidade que ten amosado este tramo nos escasos meses que leva aberto ao tráfico e que xa supuxo a primeira vítima mortal nesta fin de semana.” Sinalan que “isto faise máis acuciante ao tratarse dunha autovía de recente construcción que xa se ten convertido nun punto negro das infraestruturas comarcais, non dun tramo que puidera ter quedado obsoleto; polo que evidencia que deben corrixirse as deficiencias de seguridade existentes.”

Exit mobile version