Site icon Crónica3.com A Mariña

Novos cursos de informática darán comezo a vindeira semana na aula CeMIT de Burela

Burela, 28 de xullo de 2014. A Aula da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica da Xunta de Galicia, Rede CeMIT, acollerá novos cursos de informática impartido polo Concello de Burela.

Un dos cursos será sobre Correo electrónico. Con esta actividade ensinaráselle aos asistentes a crear unha conta de correo electrónico en Gmail así como a levar a cabo as accións necesarias para o envío e recepción de correos. Este curso está dirixido a persoas con coñecementos de informática e internet a nivel usuario.

Esta actividade terá lugar na Aula CeMIT de Burela dende o vindeiro luns, 4 de agosto, ata o 21 de agosto en dous horarios diferentes: o primeiro deles será de 9:00 a 10:00 horas e o segundo de 10:00 a 11:00 horas. O prazo para matricularse remata este venres, 1 de agosto.

O outro curso que se impartirá en Burela será Elabora o teu Currículo e busca emprego a través de internet. Nesta actividade ensinaráselle aos asistentes a elaborar un currículo así como a rexistrarse e buscar traballo en diferentes portais de emprego. Este curso está dirixido a persoas con coñecementos de informática, internet e procesador de textos a nivel usuario.

Esta actividade desenvolverase na Aula CeMIT de Burela dende o 5 ao 28 de agosto, levándose a cabo os martes, mércores e xoves en horario de 11:00 a 12:00 horas. O prazo para matricularse tamén remata este venres.
Desde a Delegación Municipal de Educación lémbranlle aos usuarios que poderán facer uso libre dos equipos e da Internet da aula, en horario de mañá de 8:00 a 9:00 e de 13:00 a 14:00 horas.

Para inscribirse ou para solicitar máis información sobre as citadas actividades poden dirixirse á Aula CeMIT de Burela sita na Casa da Xuventude – Rúa do Cancelo 1, a través da páxina web https://cemit.xunta.es/, ou enviar un correo electrónico ao enderezo: cemit.burela@xunta.es.

Exit mobile version