Site icon Crónica3.com A Mariña

Besteiro promove unha declaración institucional para instar ó Goberno Central a mellorar a seguridade na A-8

O Presidente, José Ramón Gómez Besteiro, propón aprobar este martes no Pleno Provincial unha declaración institucional, co apoio de todos os grupos con representación no organismo provincial (PSOE, BNG e PP), para que a Deputación inste ó Goberno Central a mellorar a seguridade na A-8. No mesmo texto, Gómez Besteiro tamén propón transmitir o “máis sentido pésame” da institución luguesa ós familares da vítima mortal no sinistro desta fin de semana, así como o seu apoio a todos as persoas que resultaron feridas.

A declaración institucional que promove o titular provincial, e que deberá ser aprobar na sesión plenaria deste martes, dice textualmente: “A Deputación de Lugo quere expresar o seu máis profundo e sentido pésame á familia de Natalia López Arias, vítima do accidente acontecido o pasado sábado, día 26 de xullo, na Autovía A -8. Ademais, a Deputación de Lugo quere expresar a súa consternación ante o accidente, manifestando un total apoio e solidariedade ós numerosos feridos, que continúan recuperándose”.

“O accidente da pasada fin de semana, onde se produciu unha colisión que afectou a máis de 50 vehículos implicados nun choque en cadea debido á densa néboa, pon de manifesto a necesidade de dotar de melloras técnicas a Autovía A-8, en especial ó treito que discorre entre os Concellos de Abadín e Mondoñedo. A recorrencia da néboa e o vento nese treito entre Abadín e Mondoñedo, converten a escasa visibilidade do vial en habitual, provocando unha situación de excepcionalidade nun elemento común da condución pola Autovía do Cantábrico ó seu paso pola provincia de Lugo. Os numerosos sinistros provocados por esta situación, requiren dun estudo e tratamento especial por parte do Ministerio de Fomento”.

“Por todo isto, e ante a crecente sinistralidade do treito entre Abadín e Mondoñedo da Autovía A -8 provocados pola falta de visibilidade e as condicións climáticas, declaramos”:

– “O noso máis sentido pésame e solidariedade ós familiares e amigos de Natalia López Arias, e o noso apoio ós feridos do accidente do pasado sábado, desexándolles unha rápida recuperación”.
– “A transcendental necesidade de que o Ministerio de Fomento tome as medidas técnicas precisas para garantir a seguridade vial da Autovía do Cantábrico, no treito que discorre entre os Concellos de Abadín e Mondoñedo”.

Exit mobile version