Site icon Crónica3.com A Mariña

A programación cultural de Foz para este mes de xullo inclúe numerosas actividades ó aire libre

Foz, 2 de xullo de 2014. A programación cultural de Foz para este mes de xullo inclúe numerosas actividades, a maior parte de las ao aire libre. Foron anunciadas este mércores polo concelleiro de Cultura e Deportes, Ánxel Paleo Soto.

“Todos os venres teremos os concertos de Sons na rúa, que darán comezo este día 4 coa actuación da Rondalla Latexos, de Foz; o seguinte venres, día 11, actuará a Coral Polifónica de Burela; o 18, a Banda Municipal de Foz e a Coral Polifónica de Foz; para rematar estes concertos o venres día 25 co grupo Mar Aberto, de Foz. Todos eles serán na praza Pardo de Cela ás nove da noite”, destacou Ánxel Paleo, quen tamén resaltou que “o luns día 14 teremos o festival Coa nosa fala, no que participarán diferentes artistas como Lolo Castro, Sabela, Tito Calviño e Sito Sedes, entre outros. Será no Campo da Cabana a partir das dez da noite”.

O edil de Cultura comentou ademais que “neste mes, aparte de diferentes actividades como por exemplo as Noites alternativas, que están a disposición de toda a xente nova que queira participar nelas, tamén teremos a festividade do Carme, unha festa moi arraigada no concello que dará comezo o sábado día 12 co pregón na igrexa parroquial. As verbenas empezarán o luns 14 e seguirán ata o mércores”.

Ánxel Paleo rematou invitando “a todos os mariñáns a pasar uns días por Foz para gozar de todos estes actos e, como non, das nosas festas”.

Exit mobile version