O libro é un percorrido polos atractivos turísticos da provincia de Lugo partindo do areal ribadense das Catedrais e chegando ata os Canóns do Sil. Os seus destinatarios son os milleiros de turistas que ano tras ano pasan pola comarca da Mariña, sobre todo pola praia de Augas Santas/As Catedrais, aos que os autores lles propoñen achegarse a outros moitos puntos da Mariña e da provincia de Lugo. Beni Mántaras sinala que “hai moita xente que chega ás Catedrais visita, a praia en marea baixa e marcha, sen ter ningún outro tipo de contacto con Ribadeo, coa Mariña e co resto da provincia. O que desexamos é que observen a beleza desta terra axudados polo noso libro e que se acheguen aos múltiples atractivos que poden atopar”.
Carmen Cruzado engade que “tamén lle queremos achegar a aqueles que elixen A Mariña ou a provincia para pasar as súas vacacións información sobre a riqueza monumental, paisaxística e gastronómica que poden atopar nesta terra. É dicir desprazamentos curtos que poden realizar na súa estadía entre nós. A día de hoxe desprazarse desde Ribadeo ata a Ribeira Sacra supón menos de dúas horas en coche, temos Lugo a unha hora, Viveiro a cincuenta minutos, Mondoñedo a vinte…”. Mántaras di que “moitas veces escoitámoslle á xente pola rúa ou aos hostaleiros dicir que cando hai dous días nubrados ou de choiva á xente quere marchar porque non ten nada que facer. E hai moitas cousas que ver e que visitar”.
Cruzado indica que “tamén queremos que os veciños e ás veciñas da provincia coñezan lugares que teñen moi preto e aos que poden viaxar en calquera época do ano, dada a súa proximidade. Hai recunchos belísimos que temos a tiro de pedra”.
A praia das Catedrais e as súas contornas estivo presente esta fin de semana na Feira do Libro de Ribadeo e acudirá ás que se celebren noutras localidades da Mariña ao longo do verán. A publicación atópase xa á venda en librarías e establecementos hostaleiros de Ribadeo e doutros puntos da comarca e moi pronto aumentarase o número de puntos de venda en toda a provincia.
O libro, do que se editaron 1.000 exemplares, ten 160 páxinas con fotos e textos sobre os principais atractivos da provincia de Lugo. Está patrocinado pola Deputación de Lugo e a Mancomunidade de Municipios da Mariña Lucense e conta coa colaboración do Concello de Ribadeo, da Confederación de Empresarios de Lugo e de diferentes empresas e colectivos da provincia.