Site icon Crónica3.com A Mariña

A obra escrita polo focense Manuel Lugilde ‘De vello, gaiteiro’ será representada nas XIX Xornadas de Historia local de Foz

A Asociación cultural A Pomba do Arco comezará este luns coas XIX Xornadas de Historia local de Foz, en concreto este ano contarán ca obra de teatro “De vello gaiteiro” escrita polo mestre focense don Manuel Lugilde Penelas.

O citado Manuel chega, despois de varios anos exercendo o maxisterio ao longo de Galicia, a Foz en 1921, no que exercerá o cargo de mestre da escola de nenos número 2 ata o ano 1948.

Lugilde era un home do renacemento, aparte de sabio profesor, de literato era un consumado pintor, pero non remataba aí a súa actividade xa que chegou a converterse no maior impulsor da vida cultural da vila focense, entre os seus logros están a creación da primeira rondalla no ano 1933, os Carnetolendas ou os grupos de declamación.

O teatro era unha das súas múltiples paixóns e a finais do ano 1928 escribe esta peza teatral, De vello gaiteiro, que será estreada o 30 de novembro de 1929 no teatro Rosalía de Castro de Foz. En febreiro de 1930 será a vila de San Cibrao a que reciba a este grupo de actores.

O elenco de actores que participaron nesta primeira representación estaba composto polos focenses Emilio e Esperanza da Soladora, Suso Cageao, Encarnación do Guarda, Segundo de Vázquez e Cándido de Veiga.

Esta obra foi definida por Lugilde como un ensaio en clave de comedia que ten un acto único e cunha única ubicación, o sobrado, a habitación de maior importancia na casa dun acomodado labrego. Nela transcorre a obra na que Rosiña, filla deste acomodado labrego, recibe unha oferta de matrimonio por parte de Xulián, o rico indiano, aínda que ela estaba namorada de outro.

A figura do emigrante, o indiano, que volta de visita é moi criticada nesta obra pola actitude que algunha desta xente mantiña, pois renegaban da súa lingua e do seu país, así o indiano Xulián exclama na obra, e xa non en galego senón nun castrapo escandalizante, “coma tenjo lo bastante para me dar la importancia que no tiene ningun atorrate deste pais”. A figura de aqueles emigrantes que voltaban e se negaban a falar a lingua que falaran dende pequenos foi moi criticada polas Irmandades da Fala pois vían neste tipo de persoas un elemento de anulación do sentir galego.Lugilde, aparte de amigo persoal de moitos dos integrantes das Irmandades, era un devoto seguidor das súas ideas, a súa opinión política sobre a sociedade galega do momento quedaba perfectamente dibuxada nos personaxes que asoman por esta peza de teatro.

Setenta anos despois da súa estrea, no ano 1999, o grupo de teatro da Pomba do Arco recuperaba esta obra, de igual maneira que agora, no 2014, o grupo de teatro Pico do Castro toma o relevo e volta a poñer en escena esta obra que en Foz consideramos coma nosa.

Exit mobile version