“As Memorias do Mar de Celeiro” é unha película documental duns trinta minutos na que se presenta unha parte da memoria histórica do pósito de Celeiro, cos recordos e reflexións de persoas relacionadas co mar, sobre todo mariñeiros xubilados e tamén outros en activo, así como representantes da propia Cofradía de Pescadores.
Do mesmo xeito que este sábado en Celeiro e a semana pasada en San Cibrao, nas próximas semanas iranse presentando os respectivos documentais sobre o Mar de O Vicedo, de Foz, de Ribadeo e de Burela, as outras catro cofradías de pescadores da costa lucense. En cada película repásanse os aspectos máis importantes na historia de cada porto: fábricas de salgadura, conserveiras, estaleiros e carpinteiros de ribeira, flotas, artes de pesca e as tradicións que viran ao redor do mundo do mar.
De cada un destes documentais edítanse 1000 copias en DVD, que se distribuirán gratuitamente a través de cada unha das seis cofradías de pescadores e da propia Federación Provincial de Cofradías, que tamén o empregará como material de promoción e divulgación en feiras de mostras, xornadas técnicas e outros eventos relacionados.
A presentación do vídeo tivo lugar ás 11 da mañá na Cofradía de Pescadores de Celeiro, a cargo de Sergio López, Secretario da Federación Provincial de Cofradías de Pescadores de Lugo; Domingo Rey, Patrón Maior da Cofradía de Pescadores de Celeiro; e Máximo Díaz, Secretario da Cofradía.
O acto celebrouse durante as festas patronais, xunto coa presentación doutro proxecto relacionado coa recuperación da memoria histórica do pósito: os retratos de once dos 18 patróns maiores ou presidentes que tivo o pósito celeirense ao longo dos 91 anos de historia, labor que se encargou ao pintor Roque Fanego e ao fotógrafo Dani Caxete.