A Deputación de Lugo é a 1ª en Galicia en sacar a licitación pública a selección de entidades de crédito (bancos, caixas de aforro ou cooperativas de créditos…) coa que traballará a institución provincial, e en incorporar cláusulas sociais neste pioneiro concurso “en defensa dos dereitos dos cidadáns e do público”. Así o adiantou este luns o voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, logo da Xunta de Goberno na que se aprobaron os pregos deste procedemento, que serán publicados nos vindeiros días no Boletín Oficial da Provincia (BOP) e no Perfil do Contratante para a presentación de ofertas.
Deste xeito, valoraranse os seguintes aspectos: non contar con preferentes, subordinadas…, ou que estas foran resoltas satisfactoriamente para os cidadáns; o número de oficinas distribuídas nos Concellos da provincia, así como o persoal que presta servizo nas mesmas, en defensa da prestación de servizos e da xeración de emprego no rural lugués; ademais das melloras salarias e laborais dos traballadores, así como os plans de formación para os mesmos. Outras cuestións que tamén se terán en conta serán o nivel de satisfacción dos clientes ou as actividades que se realicen para promoción a provincia luguesa.
Granxa Cinexética en Tor
Tal e como avanzou o Presidente, José Ramón Gómez Besteiro, a semana pasada durante a presentación do Plan Integral que converterá Tor no centro público de Galicia coa oferta máis ampla dedicada á promoción económica do rural; a Xunta de Goberno aprobou o anteproxecto da 1ª fase de implantación dunha granxa cinexética, dedica a cría de perdiz e coello de monte, neste patrimonio público. A sesión tamén acordou o envío desta iniciativa ó Concello de Monforte para súa tramitación e concesión dos permisos imprescindibles. “Unha vez acadadas as licencias necesarias por parte das administracións correspondentes, poderemos iniciar estes traballos, dotados de 525.816 euros da Deputación”, explicou Martínez. Con este investimento, o organismo provincial levará a cabo a 1ª fase de implantación da granxa cinexética, que contempla as seguintes actuacións: movementos de terras na finca principal de TOR, que conta con 20 hectáreas, onde se criarán as perdices e coellos de monte; cerramento das instalacións; e construción das naves de recría e parques de voo para 80 parellas de perdiz. “Son os primeiros exemplares, posto que, coa segunda fase deste proxecto, aumentaremos as instalacións, con más naves de recría e parques de voo, para acoller un total de 400 parellas de perdiz”, destacou.
Posta en marcha do Plan Integral
A Deputación inicia, deste xeito, a posta en marcha do Plan Integral de Tor, dotado dun total de 885.000 euros de fondos propios, poucos días despois da súa presentación por parte de Gómez Besteiro. Esta programación, na que o organismo provincial leva meses traballando, tras disolver a Fundación Tor e solventar as numerosas irregularidades cometidas (talas masivas con danos de ata 1 millón de euros, mortes de animais, cazas ilegais, gastos sen xustificar, como viaxes a Tanzania, Miami, Dublín,…), sobre as cales os xulgados siguen tomando resolucións; supón a posta en valor das 180 hectáreas deste patrimonio público. Para elo, xunto á implantación da granxa cinexética, a institución tamén creará o primeiro centro público de produción apícola; adicará ó cultivo de cereal unha parcela de 13,5 hectáreas; habilitará un viveiro de árbores; e potenciará un espazo de formación e prácticas, principalmente sobre agricultura ecolóxica. Ademais, Tor contará cunha parcela de 118 hectáreas de produción silvícola; unha zona de lagos de 9 hectáreas para aves acuáticas e o rego de cultivos; e naves para prestar servizo as actividades cinexéticas, silvícolas e agropecuarias. Todo isto, converterá Tor no centro público de Galicia coa oferta máis ampla dedicada á promoción económica do rural.
San José
A Xunta de Goberno aprobou a convocatoria pública para a cesión gratuíta dos bens existentes no antigo Hospital San José a institucións públicas ou privadas sen ánimo de lucro. Nos vindeiros días, o BOP recollerá esta convocatoria. Os interesados poderán consultar o material dispoñible, e mesmo visitar as instalación de San José, de cara a elaboración das súas propostas. Martínez explicou que “levamos meses traballando na elaboración dun completo informe patrimonial sobre os bens existentes en San José. Estamos a piques de concluílo. Por este motivo, poñemos en marcha esta convocatoria”.