O treito da autovía A8 que fora aberto en febreiro -entre Mondoñedo e Abadín- permanece cortado este domingo despois do accidente múltiple que se producía na mañá deste sábado con medio cento de vehículos implicados e que se saldou cunha persoa falecida e preto de 50 feridos de diversa consideración.
Todo apunta a que a espesa néboa neste treito que alcanza os 700 metros de altitude provocou choques en cadea en tres puntos diferentes e nos dous sentidos da autovía onde o sábado traballaron os efectivos de Tráfico, guindastres e conservación para retirar os vehículos afectados e limpar ambas calzadas.
Este domingo continúan os traballos de limpeza da vía polo que permanece cortada a autovía.
A maioría dos feridos -preto de 50- foron dados de alta durante a xornada do sábado, mentres que tres permanecen ingresados -dúas no Hospital da Costa e unha no HULA-.