Burela, 2 de xullo de 2014. Dez socorristas velarán pola seguridade dos bañistas nas praias de A Marosa, Portelo e Ril desde o vindeiro sábado, 5 de xullo, en horario de 11 da mañá a oito da tarde. O proceso de selección do persoal terá lugar mañá. O alcalde, José Mª González Barcia, tamén subliñou que o vindeiro luns, 7 de xullo, a mediodía terá lugar o izado das bandeiras azuis nos areais bureleses.
O rexedor dixo que “para este próximo sábado está previsto que comecen a traballar nos tres areais bandeira azul que temos en Burela (A Marosa, Portelo e Ril) dez persoas contratadas para exercer funcións de socorristas. O proceso selectivo vai ter lugar mañá, xoves. Tíñamos previsto telo feito antes, pero por cuestións administrativas completamente alleas ao Concello tivemos que pospoñelo dous ou tres días. Aínda así chegamos a tempo para este primeiro fin de semana de xullo”.
Segundo González Barcia “trátase de dez socorristas que van estar de forma permanente dende as 11 da mañá ata as 8 da tarde nas tres praias indicadas durante todos os días da semana. Acabarán o seu traballo o día 2 de setembro”.
O alcalde de Burela tamén indicou que “o vindeiro luns a mediodía vamos izar as bandeiras azuis nas tres praias: na de A Marosa, que é a máis antiga de todas; na de Portelo e na de Ril, que é o segundo ano que ten a bandeira azul e que se recupera con respecto á situación anterior. Non se optou por poñer as bandeiras durante este fin de semana, porque aquí, en Burela, estamos bastante cargados de actividades, empezando pola festa castrexa e acabando, por exemplo, polo seminario de seguridade a bordo que se vai celebrar este sábado na confraría de pescadores. Polo tanto, tendo isto en conta, optamos por trasladar o izado das bandeiras azuis para o vindeiro luns a mediodía”.