Santiago de Compostela, 03 de xuño de 14. O portavoz de Pesca do Grupo Socialista, José Ramón Val, dixo este martes que o “fracaso sen paliativos” do Plan 2013 – 2014 de Xestión do Polbo, elaborado e aplicado pola Xunta de costas ao sector, aboca ao goberno galego a cambiar o seu talante e elaborar un novo Plan con novas medidas de acordo co sector.
Val Alonso esixiu “vontade política e diálogo co sector” para mellorar a situación dun sector que ocupa a 1.325 embarcacións e da emprego directo a mais de 3.000 persoas en Galicia. Este sector ten visto cómo dende o ano 2011 a súa cifra de negocio ten diminuído en 12 millóns de euros, sen que o goberno galego se decidira a escoitar as demandas das familias que dependen desta especie.
Advirte que “lonxe de recuperarse, todo parece indicar que as capturas non aumentan e o prezo medio tampouco”, polo que reclama “tomarse as cousas en serio e darlle importancia”. Sinaloulle ao goberno galego que “non é tempo de sacar peito nin vir a dicir que grazas a este plan as cousas van mellor”, senón que “é o momento de plantexar e implementar novas medidas”.
Prezos e capturas
Hoxe é coñecido que os prezos e capturas non avalaron as medidas postas en marcha polo goberno galego, xa que mentres en 2010 capturáronse 4,2 millóns de quilogramos desta especie, cun valor de 16,5 millóns de euros a un prezo medio de catro euros, e en 2011, recollíanse 3,4 millóns de quilos por 20 millóns de euros e un prezo de 6 euros, en 2013 foron recollidos 2 millóns de quilogramos cun valor de 8,3 millóns de euros a 4,4 euros e no que vai de 2014 foron recollidos 990.000 quilos por 5 millóns a 5 euros.