Dende a Comisión Executiva do PSdeG-PSOE de Burela queremos facer pública, para coñecemento de todos os veciños e veciñas de Burela, a nosa postura sobre a abdicación do Rei Xoán Carlos I feita pública o día 2 de xuño. Entendemos que debemos de dar a nosa opinión sobre este asunto pola importancia e repercusión que este tema vai a ter na vida dos españois, e a Comisión Executiva do PSdeG-PSOE de Burela debe de explicar a súa postura ante un asunto de tal importancia.
En primeiro lugar, queremos facer un recoñecemento, máis aló das sombras, á figura de Xoán Carlos I pola súa labor ó fronte da Xefatura de Estado durante estes 39 anos, xa que entendemos que foi unha figura clave para a instauración da democracia en España polo que debemos de estar agradecidos pola súa labor e a súa aposta polo asentamento da democracia española.
Feito este recoñecemento, o PSdeG-PSOE de Burela decidiu na súa reunión de Executiva apostar por apoiar a convocatoria dun referendo no que todos os españois poidamos decidir sobre o modelo de Estado que queremos, e darlle a voz ós cidadáns para que cós seus votos poidan expresar claramente a súa postura en referencia a este asunto. É evidente, á vista dos últimos acontecementos que a cidadanía quere se protagonista das decisións que se toman no país, e é responsabilidade dos partidos políticos darlles ese protagonismo.
Entendemos que a sociedade española ten mudado moito dende o ano 1978, ano na que se aprobou a Constitución Española que hoxe nos rexe, e é obriga de todas e cada unha das Institucións adaptarse a estes cambios con valentía e determinación. Por isto dende o PSdeG-PSOE de Burela apostamos decididamente por darlle a voz ó pobo, e que sexa o pobo dunha maneira democrática a que elixa o modelo de Estado que quere.
Entendemos tamén que esa consulta non debería de cinguirse exclusivamente a este asunto, e se debería de afrontar unha Reforma Constitucional que adaptase a nosa Carta Magna ás necesidades e retos que a sociedade española ten, e ós que terá que afrontar no futuro, xa que entendemos que a actual Constitución non fai fronte a todas as necesidades e demandas que a cidadanía ten nestes momentos e despois de máis de trinta anos toca facer unha revisión da mesma dende o consenso e o acordo de todos.
Dende o PSdeG-PSOE de Burela xa fixemos chegar esta decisión á Coordinación Comarcal do PSdeG-PSOE da Mariña e á Executiva Provincial do PSdeG-PSOE de Lugo.