Santiago de Compostela, 3 de xuño de 2014.- O paro rexistrado en Galicia no mes de maio presentou un mellor comportamento a nivel mensual e interanual que a media do Estado. En concreto, o mes pasado rematou con 6.700 desempregados menos, o que en termos relativos se traduce nun 2,48 por cento. En termos interanuais, a baixada foi de 20.442 persoas (-7,20 por cento).
Pola súa banda, no Estado o desemprego diminuíu en 111.919 (-2,39%) fronte ao mes de abril. Se se compara con maio do ano pasado, isto é, en termos interanuais, a cifra do descenso foi de 318.543 (-6,51%).
A directora xeral de Emprego e Formación, Ana María Díaz, realizou hoxe unha valoración destas cifras, na que aproveitou para facer fincapé en que Galicia acaba de rexistrar a sétima baixada interanual consecutiva do desemprego en Galicia, “e a maior de todas elas”.
De feito, trátase da primeira diminución dun mes de maio desde que comezou a crise económica e o maior descenso interanual en termos absolutos (-20.442 persoas) desde 1999.
Isto confirma a tendencia que se iniciou en novembro de 2013, “o que vén a demostrar a contención da destrución de emprego e unha mellor progresiva”, destacou a responsable autonómica.
Deste xeito, Galicia rematou maio con menos parados (-13.614) dos que había en maio de 2012, o que supón volver a “niveis de paro inferiores aos que existían hai dous anos”.
A análise por sectores reflicte que o maior descenso produciuse no sector dos servizos (-3.034), seguido pola construción (-1.837), a industria (-1.423), a agricultura e a pesca (-229), e o colectivo sen emprego anterior (-177).
Por provincias, o paro baixou en todas elas. A maior diminución corresponde á de Coruña (-2.914); seguida por Pontevedra (-2.416); Lugo (-722) e Ourense (-648).
En canto aos contratos, en Galicia rexistráronse no mes de maio un total de 62.704 contratos, 4.850 contratos máis que no mes anterior. Deste total, 4.982 foron indefinidos (7,95%) e 57.722 temporais (92,05%).