Site icon Crónica3.com A Mariña

O Grupo Popular apoia no Parlamento un acordo dirixido a evitar que se habiliten os mercados centrais para a primeira venda dos produtos pesqueiros

Santiago, 3 de xuño de 2014.- Os votos do Grupo Popular, xunto con AGE e o BNG, e coa abstención do PSOE, fixeron posible a aprobación neste martes dun acordo do Parlamento de Galicia polo que se insta á Xunta a reclamar do Goberno central que impida que a primeira venda dos produtos da pesca e do marisqueo poida realizarse a través dos mercas, os mercados centrais.

O portavoz popular do Mar, Jose Manuel Balseiro, explicou que aos populares galegos “non lles parece unha medida acertada” que o borrador do Real Decreto estatal pretenda introducir un novo actor “fóra das lonxas e fóra das zonas portuarias”, que na actualidade teñen esta exclusividade, e son contrarios, en consecuencia, a habilitar aos mercas para realizar esa primeira venda.

BORRADOR SOMETIDO A DEBATE
En todo caso, Balseiro quixo insistir en que o documento proposto desde o Ministerio é un borrador, “unha proposta previa de traballo”, que precisamente o Goberno central vén de someter á consideración do sector e que “pode e debe ser mellorado e enriquecido coas achegas que realicen os distintos profesionais e as Comunidades autónomas”.

Balseiro dixo que os populares galegos non comparten o uso dos mercados centrais para esta actividade e adiantou tamén que, en consecuencia, así o fará constar a propia Xunta de Galicia nas alegacións que ten previsto presentar ao borrador do Real Decreto

PULSOU A OPINIÓN DO SECTOR
Para fortalecer este argumento, o voceiro do Mar dos populares galegos explicou que ten constado de xeito directo e en comarcas como a da Mariña lucense (unha das principais áreas de comercialización en pesca fresca, que move entorno ao 25% do total desta actividade) a oposición dos profesionais á posibilidade de habilitar os merca para a comercialización directa destes produtos do mar frescos, un argumento que comparten desde o Grupo Popular.

Exit mobile version