Lugo, 5 de xuño de 2014.- O Grupo Provincial do Partido Popular presentará un rogo na Deputación a través do que instará ao presidente José Ramón Gómez Besteiro a que axilice os trámites necesarios para que se inicien en tempo os traballos de desbroce das estradas de titularidade provincial.
Os populares explican que a día de hoxe non lles consta que o equipo de goberno da Deputación adxudicase para esta anualidade a contratación das obras de desbroce da maleza, polo que a través deste escrito, “procuraremos coñecer a situación na que se atopan estes trámites a maiores de evidenciar a necesidade de que se mellore a xestión dos desbroces”.
Antecedentes
Dende o GPP consideran que se está no mes de xuño, polo que é necesario axilizar os desbroces e que na época de maior risco de incendios “os labores de limpeza das estradas sexan unha realidade”.
Á vista dos feitos, os populares sospeitan que un ano máis estes traballos se realizarán de novo “tarde e mal”. Así, lembran que incluso en outubro do ano pasado o Grupo Provincial do Partido Popular se veu obrigado a presentar unha pregunta en pleno xa que “a esas alturas do ano, moitos alcaldes seguían a reclamar os desbroces da maleza en pistas de titularidade provincial”.
Para os populares debese evitar que tal e como ten acontecido en pasadas anualidades os debroces se adxudiquen xa entrado o mes de xullo, “tempo no que xa terían que estar iniciados os traballos”. A maiores, dende o GPP tamén lembran a actuación de Gómez Besteiro na pasada anualidade, quen “anunciou os desbroces, sen ter feitos os trámites necesarios para que estes anuncios se fixesen realidade”.
Polo tanto, dende o GPP fanse de novo eco das declaracións do deputado provincial Manuel Martínez, quen en 2008 aseguraba que o desbroce é un dos aspectos que “queremos mellorar” ao tempo que recoñecía fallos e engadía que se “se volven a repetir entón si que terei que tomar outras medidas ou incluso dimitir. A política é así”.
Ante isto, os populares lémbranlle aos socialistas que o traballo de desbroces segue a ser un aspecto que “deben de mellorar” e, polo tanto, “pedímoslles que axilicen os trámites necesarios”.