O Colectivo Cultural Buril renuncia á subvención nominativa concedida polo Concello de Burela para o presente ano.
O Buril non asistirá ao asinado do Convenio que terá lugar esta tarde na Casa do Concello, polos motivos que se indican a seguir e que en todo caso nada teñen a ver co importe da contía económica concedida:
1. Entendemos que as subvencións públicas deben ser concedidas en base a uns criterios transparentes e deben garantir a libre concorrencia e a igualdade de condicións para todas as entidades asociativas da vila. Neste sentido, manifestamos o noso total desacordo con que se concedan exclusivamente e con carácter xeral, subvencións de carácter nominativo, sen que se coñezan os criterios polos que se conceden estas axudas e sen que haxa unhas bases públicas que rexan o proceso.
2. En 2013 o Concello de Burela concedeu con carácter extraordinario e de xeito discrecional, subvencións a distintas entidades de Burela, ficando o noso colectivo fóra das axudas concedidas. O Buril e outras asociacións de Burela, solicitamos en data 6 de novembro, unha reunión ao Alcalde para coñecer os motivos polos que fomos excluídos das axudas. A día de hoxe, aínda non fomos recebidosnin se nos comunicou nada a este respeito.
3. O Buril ten aportado máis de 100 € polo uso de instalacións municipais para a realización de distintas actividades durante os dous últimos anos, tendo documentos xustificativos que así o acreditan. Manifestamos, como xa o fixemos no seu día nas reunións que mantivemos coa Alcaldía e coa Delegación de Cultura, o noso total rexeitamento a que as asociacións que desenvolvemos a nosa actividade en Burela con fins non lucrativos, teñamos que pagar taxas polo uso de instalacións municipais, que xa sufragamos todos os veciños e veciñas cos nosos impostos. A este respeito, demandamos unha modificación da Ordenanza fiscal Nº 23 reguladora da taxa pola ocupación de edificios ou dependencias propiedade deste concello.
4. Polos motivos arriba indicados, o Colectivo Cultural Buril presenta a súa renuncia á axuda concedida polo Concello por importe de 500 € en base ao exercicio orzamentario 2014, co desexo de que esta cantidade de diñeiro sexa destinada a fins sociais.