Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Cervo leva ó Pleno o dereito de decidir e a reformulación do Estado coa apertura dun novo proceso constituínte

Cervo, 4 de xuño de 2014. O BNG leva ao pleno deste xoves unha moción de urxencia porque despois da abdicación do monarca Juan Carlos I chegou o momento de rematar definitivamente coa herdanza do franquismo, dun réxime baseado nunha transición controlada pola oligarquía e polo exército. Por isto, o BNG non vai aceptar “un cambio cosmético”, unha simple reforma dunha institución recuperada polo franquismo.

A reforma de 1978 consagrou un réxime que agora esta en crise que non pode pecharse cun simples cambio cosmético, cun cambio de caras nunha institución recuperada polo franquismo.

Dende o BNG reclaman “a apertura dun proceso constituínte que permita superar o actual marco constitucional incluíndo a participación popular na reformulación do modelo de estado, con garantías no social e democrático e onde as nacións sexan o referente político, para garantir o dereito de autodeterminación dos pobos que conforman o Estado español recoñecendo o noso dereito a decidir”.

Non se pode bloquear o movemento cidadán que reivindica democracia real, o recoñecemento das nacións e do dereito a decidir.

O que a cidadanía precisa é liberdade e capacidade para decidir. E nese espazo verdadeiramente democrático, onde se garanta o dereito de autodeterminación dos pobos, non ten cabida ningún rei. Por todo isto, xulgamos importante que se inicie un proceso constituínte, baseado na soberanía dos pobos, onde Galiza sexa referente político.

Exit mobile version