O pleno celebrado o pasado xoves 29 de maio viu a corroborar o que ven a suceder en tódolos plenos anteriores, a falta de iniciativa do goberno municipal e a falta de sensibilidade dos populares cos máis débiles e cos sectores que xeran emprego e que están a sufrir os efectos da crise.
Lonxe de presentar algunha iniciativa ou algún proxecto novo para o concello de Burela, o equipo de goberno limitouse a presentar un orde do día con simples trámites administrativos, sen aportar solucións para as burelás e os burelaos. De feito nun dos puntos do orde do día, chegou a obviar un informe técnico (conxunto de secretaría e intervención) negativo, para sacar adiante o punto no que se pretendía a cesión do contrato do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), evidentemente co voto contrario dos edís do PSOE e do voceiro do BNG, Mario Pillado. “Semella compricado votar a favor dun punto que conta cun informe de secretaria e intervención contrario, posto que estes funcionarios do concello son os que entenden de este tipo de trámites, ademáis cando no seu informe explicaron claramente os seus motivos. No pleno anterior e nunha cuestión parecida, o informe técnico foi tido en conta e desestimouse unha cesión de contrato, resulta curioso que agora non ocorra o mesmo” sinalou o concelleiro nacionalista.
No referente ó apartado de mocións os populares empregaron a súa maioría absoluta para sacar dúas que presentaban adiante e tumbar mediante enmenda mocións presentadas por socialistas e nacionalistas. O PSOE presentaba unha moción contraria ó peche de camas no verán no hospital da costa, mentres que os populares sacaron adiante unha moción que esixía á deputación provincial de Lugo o aumento de subvencións ás confrarías de pescadores da Mariña e outra sobre a reforma do poder xudicial, que foi enmendada na súa totalidade tanto por socialistas como polo representante do nacionalismo no concello.
Pola súa parte, o edil nacionalista defendeu unha moción que instaba ó Estado a rebaixalo ive do 21 ó 8 % ó sector de salóns de peiteado, debido ó peche de establecementos e perdas de emprego que se están a producir na Galiza neste ámbito, que están a provocar numerosas movilizacións ó longo do País. En palabras de Mario Pillado “de todos é coñecido que na nosa vila operan un gran número de perruquerías e que se imparte no IES O Perdouro o ciclo superior deste ámbito, polo que a subida do ive podelle costar ás burelás e ós burelaos postos de traballo ou mesmo o peche de establecementos, posto que esta medida está a ser asumida co traballo destes pequenos empresarios, algo que tamén pode aumentar a economía sumerxida”. Tamén lamentou Pillado que os populares deran as costas de novo á sociedade e os que mais sinten a crise mostrando unha falta de sensibilidade e de consideración inaceptable cos seus veciños.
En resumo, o PP tira de maioría absoluta en Burela para facer a súa política, obviando as opinións dos técnicos do concello e sen levar a cabo iniciativa algunha de futuro para os veciños, ós que da á espalda como poidemos comprobar coa súa negativa a instar ó estado a rebaixar o ive a un dos sectores que crean emprego na nosa vila.