Foz, 4 de xuño de 2014. O alcalde de Foz, Javier Jorge Castiñeira, denuncia este mércores a incoherencia de PSOE e Unifoz por opoñerse ao pago de facturas con reparos de Intervención xa que o goberno municipal socialista, do que formaba parte Xaime Cancio, fíxoo en numerosas ocasións nos anos 2008, 2009 e 2010.
“Despois de que a oposición denegará o pago de facturas a provedores do Concello por máis de 165.000 euros a través dun recoñecemento extraxudicial de crédito, polo que esas empresas van ter dificultades para cobrar eses traballos que fixeron, dende o grupo de goberno miramos informes de Intervención dos anos 2008, 2009, 2010, que son os últimos anos do goberno socialista co señor Cancio como tenente de alcalde. Naquel momento aprobaron recoñecementos extraxudiciais con numerosos reparos de Intervención. Por este motivo chámanos moito a atención que xente que estivo levantando reparos e informes de Intervención negativos nos chame agora a nós irresponsables e denegue o pagamento desas facturas”, explicou o rexedor municipal.
Javier Castiñeira pon como exemplos “reparos por facturas da nave de usos múltiples, por posibles fraccionamentos de obra incorrectos; facturas tamén dos cursos de maiores, por posible incumprimento dalgunha lei; diferentes facturas de dietas, incluso algunha do señor Cancio, que se facían incorrectamente; pagos en restaurantes por comidas e ceas que non correspondían; posibles subvencións que se facían con facturas que tampouco correspondían. Eses reparos a facturas do anterior goberno, no que estaba o señor Cancio, levantáronse con total tranquilidade”.
Polo tanto o alcalde considera que “o señor Cancio non pode dar leccións de nada; sabemos que os seus motivos son os mesmos dende o inicio deste mandato: bloquear o Concello por intereses única e exclusivamente personalistas. É capaz de todo por conseguir os seus propios intereses persoais. Non será moi tarde cando este señor nos anuncie un novo cambio de chaqueta, un máis dos múltiples que xa fixo. O seu interese polo Concello é mínimo e dende logo nós temos que denuncialo porque está impedindo o funcionamento normal da corporación. Estivo en contra do pago a provedores, fundamental para a liquidez do Concello; tamén se opuxo a todos os orzamentos municipais e da suba de taxas para equilibrar os orzamentos, incluída a de Sogama, que vai custar agora 60.000 euros ao Concello, e tamén a da auga. Vai en contra de todo o que propón o goberno municipal. O PSOE e Cancio chegaron incluso a criticar o propio plan xeral de ordenación municipal que eles fixeran no ano 2007”.
Castiñeira rematou denunciando a “falta de coherencia absoluta tanto do PSOE como do señor Cancio, que xa empeza a actuar como portavoz da agrupación socialista. Aló eles, pero parece bastante inconsecuente que este señor estea gobernando dende a escuridade as decisións do Partido Socialista”.