O Concello de Mondoñedo organiza este sábado 7 de xuño na aldea de Vilar unha xornada de formación baixo a denominación “Revocaduras e pinturas tradicionais con cal aérea”. Luciano López e Damián Prado impartirán estas clases organizadas a través da Oficina Municipal de Rehabilitación coa colaboración de dous estudos de arquitectura instalados no municipio de Mondoñedo. O seu obxectivo pasa por ser o primeiro curso de outros nos que se poida impulsar a recuperación das técnicas construtivas tradicionais, neste caso os revocos e pinturas á cal, para poder ser aplicados nas rehabilitacións de fachadas de edificios históricos. Orientado principalmente a albaneis e pintores que traballan dentro do ámbito da rehabilitación, trátase dun curso principalmente práctico.