Site icon Crónica3.com A Mariña

Balseiro salienta que os concellos de Alfoz, O Valadouro e Ourol verán incrementadas nun 30% as contías das axudas para danos causados polo lobos

Santiago, 5 de xuño de 2014.- O secretario do Parlamento de Galicia e deputado do Grupo Popular, Jose Manuel Balseiro, salientou este mércores que os concellos de Alfoz, Valadouro e Ourol verán incrementadas nun 30% as contías que poden recibir con cargo ás axudas da Xunta para compensar os danos causados polos lobos.

MAIOR ACTIVIDADE DOS LOBOS
A devandita novidade, incluída na convocatoria do presente ano, é consecuencia de que estes tres concellos mariñáns (xunto a outros dez lucenses de Abadín, Baralla, Friol, Guitiriz, Muras, O Corgo, O Incio, O Páramo, Samos e Triacastela) forman parte do Plan de xestión do lobo en Galicia.

O Goberno galego outorga un trato preferente a este veciños, co incremento da contía das axudas, por entender que se tratan de zonas nas que se prevén máis danos debido á alta densidade de lobos e á abundancia de gando.

CHEGAN A TODOS OS CONCELLOS
Con todo, Balseiro aclara que non só estes tres senón todos os concellos da Mariña lucense poderán optar a estas axudas. Para iso deben ser solicitadas polos propietarios de gando ovino, porcino, vacún e equino que se vexan afectados por estes ataques, entre os que tamén entrarían danos provocados ao asno e á mula.

Cómpre sinalar tamén que, segundo datos oficiais ofrecidos pola Xunta, a provincia de Lugo recibiu o 44% das axudas por danos de lobos en 2014.

MÁIS DE 100.000 EUROS
A Xunta destina na presente anualidade un orzamento de 106.035 euros para paliar as perdas no gando causadas por este animal. O importe das axudas que corresponden ao suposto de morte establécese segundo un baremo en canto á especie, clase e idade, mentres que, no caso de animais feridos, a axuda estimarase en función dos gastos veterinarios.

Balseiro sinalou que a presente convocatoria de axudas comprende os danos producidos polo lobo desde o 1 de outubro de 2012 ata o 30 de setembro de 2014. Salienta tamén o deputado do Grupo Popular que o importe e condicións destas axudas foi acordado no seu día coas organizacións profesionais agrarias.

Dáse a circunstancia de que, nas últimas datas, veñen de producirse o ataque das mandas de lobos ás crías dos cabalos e outras especies de gando nos montes da comarca que, previa solicitude, poderían acollerse a estas axudas.

Exit mobile version