Site icon Crónica3.com A Mariña

AGE Ribadeo esixe explicacións do grupo de goberno e da oposición sobre a relación co caso Pokémon

O pasado xoves 29 de maio o suplemento A Mariña do Progreso publicou unha información sobre a que cómpre desfacer todas as dúbidas. Dise nela que técnicos implicados na adxudicación a Aquagest dunhas obras de urbanización foron invitados pola empresa meses despois a ver un partido da Champios League en Barcelona -entrada en zona VIP, viaxe e hotel pagos-. A información inclúe a transcrición de mensaxes internos de Aquagest tan significativos coma “El alcalde no irá al partido del Barcelona y en su lugar asistirán dos técnicos municipales” ou “nos interesa que puedan asistir, ya que se están portando muy bien con la empresa”.

A resposta do alcalde de Ribadeo ante esta información non é a que esperabamos desde a esquerda transformadora. Máis ben é a que adoitan ofrecer os representantes doutras formacións da vella política, referindo que se enterou pola prensa, que polo de agora non hai ningún técnico imputado, que o concello non ten medios para investigalo e que vai esperar que remate o procedemento xudicial (que pode demorarse varios anos) para tomar medidas. Cómpre lembrar que o alcalde é o xefe de persoal do concello, responsable polo tanto de que os traballadores cumpran as súas obrigas, e que aceptar agasallos en razón do cargo que se ostenta é ilegal.

A maiores, dado que a empresa Aquagest factura aos ribadenses preto de 1,5 millóns de euros ao ano por un servizo que é obxecto de queixas frecuentes pola mala calidade da auga e polos elevados “mínimos de consumo” das nosas facturas, un caso coma este pode achegar dúbidas sobre se o Concello está a defender axeitadamente os intereses da veciñanza fronte aos da concesionaria.

Desde Alternativa Galega de Esquerda en Ribadeo pedimos unha resposta nidia do grupo de Goberno, e principalmente do alcalde na súa cualidade de xefe de persoal. Urxe aplicar a transparencia e deixar claro que as forzas da corporación municipal -polo de agora ao parecer calan todas-, non pechan os ollos ante estes asuntos. Nós consideramos preciso que:

– Se esixa aos responsables de Aquagest toda a información sobre agasallos e convites outorgados aos técnicos municipais e darlla a coñecer aos veciños.
– Se abra un expediente para aclarar por completo o asunto e sancionar as condutas inapropiadas se as houbese.
– Se auditen os custos de xestión do servizo e o prezo da auga acordado con Aquagest, incluíndo unha comparación cos doutros concellos da bisbarra e, se os houbera, con xestión directa do servizo.
– E máis aló, abrir o debate das opcións cara a mellora da calidade da nosa traída e analizar esquemas de facturación máis xustos e que fomenten o aforro e a sostibilidade do sistema.

Alternativa Galega de Esquerda en Ribadeo

Exit mobile version