Cervo, 4 de xuño de 2014- A sección de piragüismo do Club Deportivo San Ciprián e o Concello de Cervo anunciaron este mércores as datas do curso de iniciación ao piragüismo de carácter gratuíto que todos os anos imparte o club durante a época estival no encoro de Río Covo. Neste caso durará tres días, do 18 ao 20 de xuño, en horario de 16 a 18 h. e está dirixido a nenos e nenas de entre 8 e 12 anos.
Un curso no que o alumnado recibirá nocións básicas sobre este deporte acuático e durante o cal poderá realizar pequenos percorridos en piragua. O prazo de inscrición está aberto ata o 16 de xuño e poderá realizarse por correo electrónico na dirección piraguismosanciprian@gmail.com, no teléfono 619 57 63 86 ou a través da ficha de inscrición incluída no tríptico que se repartirá nos centros escolares do municipio. Os únicos requisitos para participar é que saiban nadar e que non teñan ningunha patoloxía que impida a práctica de exercicio físico, xa que todo o material necesario será achegado polo club.
A presentación dos cursos tivo lugar hoxe no mesmo encoro de Río Covo e nela participaron o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, o edil de Deportes, Luis Guillén, o monitor de piragüismo Javier García Garza, e o adestrador Miguel Ángel Gargallo. Guillén asegurou que “dende o Concello seguimos apoiando a actividade da sección de piragüismo, e en concreto os cursos de verán, que son unha boa forma de animar aos nenos e nenas a dar os seus primeiros pasos no piragüismo, coñecer este deporte e, se lles gusta, continuar practicando”. O edil destaca tamén a “excelente labor que realiza o club no fomento do piragüismo, traballando con ilusión dende as categorías de base”.
Curso de perfeccionamento
Ao mesmo tempo, poucos días despois do remate do curso de iniciación, arrincará unha actividade de perfeccionamento. Nela poderán participar os alumnos que asistisen ao de iniciación e queiran ampliar coñecementos, ou calquera neno ou nena que teña algunhas nocións aínda que non acudise ao curso inicial. Neste caso, desenvolverase do 24 de xuño ao 8 de xullo en horario de 16 a 18 h. e terá un custo de 20 euros.
Un curso de perfeccionamento que tamén está pensado para nenos de entre 8 e 12 anos e cos mesmos requisitos que o de iniciación. Da mesma maneira, unha vez rematado este curso, todos os nenos que o desexen poderán incorporarse á sección de piragüismo do CD San Ciprián, que inclúe adestramentos periódicos e outros exercicios así como a asistencia a competicións.