Site icon Crónica3.com A Mariña

A Asociación de veciños do Burgo de Trasbar presenta as actividades para o mes de xuño

Trasbar, 3 de xuño de 2014.- A Asociación de veciños do Burgo de Trasbar presenta as actividades que ten organizadas para este mes. Todos os socios son avisados por carta de cada iniciativa que poñemos en marcha.

Camiño a San Antonio
Con motivo da celebración do San Antonio, comunicámoslle aos veciños que imos ir en peregrinación desde Trasbar ata A Rigueira, no concello veciño de Xove. Os integrantes do grupo contarán cunha tarxeta de identificación para selar no camiño e poder recibir así o lirio branco e o certificado da romaría.

A saída está prevista para as 10.00 h e despois da sesión vermú, xantaremos todos xuntos. Para iso, poñemos un prezo de inscrición de 5 € para os socios e 8 € para os non socios.

O prazo límite para apuntarse é o vindeiro día 8 de xuño, no horario de apertura do Local social.

San Xoán
Este ano será a cuarta edición do San Xoán. A partir das 19.30 h, contamos cunha obra de teatro do grupo “Érase unha vez…” de Mondoñedo, coa obra “Mercados revoltos”, dentro do programa Buxiganga da Deputación provincial de Lugo.

Deseguido, haberá unha pancetada/chourizada a partir das 20.30 h. Os prezos para socios son panceta 2€ e chourizo 1,50 €. Os non socios terán que aboar 3 € polo bocadillo de panceta e 2,50 € polo de chourizo.

Remataremos a actividade con unha fogueira, que se prenderá para que todos os presentes “saltemos o lumiño de San Xoán” e purificarémonos con queimada.

Pago cotas
Cabe recordar que está aberto o prazo para a renovación da condición de socio/a da Asociación de veciños do burgo de Trasbar. O último día do pagamento será o 15 de xuño. A cota é individual e as tarifas estipuladas son 15 € para adultos, 10 € socio xuvenil (15 a 18 anos) e 5 € para os socios infantís (2 a 14 anos).

As persoas que cumpran os requisitos e queiran darse de alta, poden aproveitar o prazo de renovación ou solicitalo en calquera momento do ano.

Exit mobile version